O auxe do pádel en Vigo fai necesario seguir construíndo pistas
O alcalde de Vigo presentou esta mañá o II Torneo Concello de Vigo de padel que regresa o calendario deportivo da cidade tras dous anos de ausencia. Disputado no outono de 2012, agora retómao unha nova entidade, o Club de Pádel Barreiro.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou o evento acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e polo presidente da nova entidade deportiva, Antonio Amaro, así como o director técnico de Máis que Auga, Francisco Cortegoso. Caballero asegurou que esta modalidade, que comezou en sociedades recreativas da cidade nos anos 90 de forma tímida, “está en auxe” e de feito a apertura de novas instalacións confírmao.
“O pádel empeza a ocupar cada vez máis espazo no deporte, con tanta xente que xa o ten como elemento central da súa acción deportiva”, explicou. Por iso cre que “é preciso seguir construíndo instalacións, porque a demanda vai seguir crecendo”. O torneo conta con dez categorías (catro masculinas, tres femininas e outras tantas mixtas), mesmo número que dous anos atrás pero dando entrada aos federados, que coparán a que era primeira categoría; os non federados xogarán en 2ª, 3ª e 4ª en homes e 2ª e 3ª nos cadros feminino e mixto. O trofeo disputarase cun respaldo privado inusual: ata dezaséis empresas aportan o seu grao de area, e co apoio do propio Concello de Vigo. Amaro celebrou que volva este torneo “nasmellores pistas de Vigo” e Cortegoso sostivo que “o pádel é moi social, o que encaixa na filosofía dos centros deportivos municipais de auga, onde queremos ser máis que unha instalación deportiva”, sostivo Cortegoso.
O custo de inscrición ao evento será de 30 euros por parella (15€ por persoa), idéntico ao do resto de campionatos que estiveron a disputarse durante todo o verán por Vigo e na provincia, cun mínimo de dous partidos a disputar ao haber cadro polo título e tamén de consolación. Pode realizarsena web de MQA ou directamente nos centros de Barreiro e Florida.
A falta de tres días para a pechadura do prazo -conclúe o día 10-, a organización detecta un crecemento exponencial por disputar esta competición nun escenario con dúas pistas de muro cubertas, catro de cristal semicubiertas e catro de muro ao aire libre. O Concello de Vigo traballa para que as de cristal estean totalmente cubertas.











