O artista e compositor de rap “O Chojin” ofrece un concerto e un taller sobre este estilo musical no Ágora
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que o vindeiro sábado, 4 de outubro, a partir das 21.30 horas, o artista e compositor de rap O Chojin actuará no Ágora. Ademais, participará no taller Composición de letras de rap, que se celebrará desde o día anterior en devandito centro sociocultural.
A actividade Composición de letras de rap é unha proposta lúdico formativa baseada na composición de textos rítmicos que ten entre os seus obxectivos favorecer o crecemento persoal dos mozos utilizando o rap como un instrumento para que se comuniquen e que favoreza un sentimento de autorrealización e de seguridade. Constará de varias partes:
– Parte práctica. Realizarase na aula 8 da Ágora o 3 de outubro de 19.00 a 20.00 horas, aproximadamente. Abordará a introdución ao método creativo e traballarase un texto rimado que se rapeará. Entre os temas a tratar figuran a promoción da lectura, o fomento da multiculturalidade e a igualdade de xénero.
– Parte teórica (aberta ao público). Será no auditorio da Ágora o sábado 4 de outubro de 12.00 a 13.30 horas. Nela O Chojin falará sobre o hip hop, o seu nacemento e a súa chegada a España, entre outras cuestións.
– Posta en escena (aberta ao público). Celebrarase o sábado 4 de outubro no auditorio da Ágora de 19.00 a 20.30 horas. Nela, os asistentes á parte práctica exporán as súas rimas ante o resto de asistentes para comunicar cal é a súa forma de entender a situación social actual en referencia ao tema principal elixido.
O taller diríxese a mozos de 16 a 30 anos e ten un prezo de 20 euros que inclúe a entrada ao concerto do Chojin, que se celebrará o 4 de outubro. Os interesados en acudir, unicamente, ao recital poden adquirir a súa entrada a través dos despachos de billetes da praza de Ourense e de Afundación, así como no teléfono 902 404 500, na web www.servinova.com ou no despacho de billetes da Ágora desde unha hora antes do concerto. O prezo será de 12 euros, en venda anticipada, e de 15 euros o mesmo día.











