O alcalde de Poio interésase polo traballo do músico local Oscar Ibáñez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoio
A-
A+
Oscar Ibáñez xunto ao alcalde de Poio

Oscar Ibáñez xunto ao alcalde de Poio

Dentro da liña de apoio á música local, e no marco da presentación do novo traballo do artista local Oscar Ibáñez, o alcalde Luciano Sobral mantivo unha reunión co músico de Portosanto na que tivo oportunidade de coñecer de primeira man as fontes de inspiración e as experiencias vitais que culminaron no disco que leva por título “Alén do Mar”, o primeiro traballo discográfico na traxectoria de Oscar Ibáñez, unha viaxe sonora que discorre polo Atlántico chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade, a través dunha magnífica selección de melodías galegas e latinoamericanas enriquecidas con elementos propios da música celta.

Para esta nova proposta Oscar Ibáñez inspirouse no poema “O fillo de Celt” do cambadés Ramón Cabanillas aclamado “Poeta da Raza”.

O grande Celt camiñando sempre cara occidente, seguindo a ruta do sol, conduciu a súa tribo ata os eidos de Galicia, a terra ben amada que soñaran, e poñendo fin á longa viaxe cravou a súa antiga e milagreira espada no chan, agromando da fenda un mar que separou as terras e que deixou perdido tralo océano esa parte de mundo que algún día chamaríamos América; perdida a memoria de tan extraordinario feito no transcorrer dos séculos, un día, un descendente do grande Celt, Colón de Porto Santo, axexando o horizonte dende a ribeira do Lerz, o sagrado río de Pontevedra, soña con irmáns nun novo mundo…

Tras descubrir este poema Oscar Ibáñez, tamén de Porto Santo (San Salvador de Poio, Pontevedra) e bo coñecedor de América, recoñeceuse nos seus versos e asumiu emocionado a tarefa de irmandar musicalmente o Vello e o Novo Mundo, a través das músicas de ida e volta e temática da emigración galega a América latina, nunha mestizaxe fresca, moderna e innovadora. Para poñer son a esta epopea transatlántica Oscar Ibáñez desenvolveu unha labor a medio camiño entre investigación e creación realizando así unha fusión sen límites, que ten coma resultado un novo e único son.

Asemade, durante o transcurso da xuntanza, o artista Óscar Ibáñez fixo a entrega dos exemplares do seu novo disco, “Alén do Mar”, do que o Concello de Poio adquiriu 100 unidades como mostra da súa aposta pola promoción dos músicos locais, nesta ocasión do gaiteiro de Porto Santo, que presentará o seu novo traballo o vindeiro venres 3 de outubro no Teatro Principal de Pontevedra.

Oscar Ibáñez

Nado en 1976. Mestre en Educación Musical, Especialista Universitario en Música Tradicional Galega, Especialista Universitario en Arquivística, Grao Profesional LOE na especialidade de gaita de fol galega e cursou estudos oficiais de frauta de bico.

Dende 2004 traballa no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra onde foi quen de reunir unha colección de 9.000 gravacións sonoras galegas que están a disposición dos cidadáns para a súa consulta.

Comezou a tocar a gaita en 1984 con Laureano Mera no grupo “Treboada” de Poio que en 1987 pasou a chamarse “Cristóbal Colón”. Entre 1989 e 2004 formou parte da “Agrupación Folclórica Celme” de Pontevedra coa que participou en numerosos festivais internacionais por toda Europa, nos que entrou en contacto con gaiteiros asturianos, escoceses, irlandeses, bretóns ou búlgaros.

Dende 1995 dirixe o “Grupo de Música Tradicional Pai da Cana” co que actuou por toda Galicia e gravou varios traballos.

En 1997 comeza a colaborar coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia impartindo cursos de gaita e percusión nos centros galegos de Santiago de Chile (CHILE), Lima (PERU), Caracas, Puerto Ordaz e Valencia (VENEZUELA), Curitiba (BRASIL), México (MÉXICO), Zürich e Xenebra (SUIZA), New York e Los Ángeles (EEUU), Londres (UK), La Habana e Santiago de Cuba (CUBA), Buenos Aires e Mar del Plata (ARGENTINA) e Barcelona (ESPAÑA).

Acadou máis de corenta de premios nos concursos de gaita galega de maior prestixio converténdose nun dos gaiteiros galegos máis galardoado tanto en dixitación aberta como pechada.

En 2008 crea a Asociación de Toque Pechado de Pontevedra, unha iniciativa para a recuperación e difusión das formas de expresión musical gaiteiras propias e diferenciais de Pontevedra como o sistema pechado de Manuel Villanueva, Perfecto Feijóo e Xan de Campañó ou o sistema semipechado de Ricardo Portela.

Como músico e produtor aparece en numerosos traballos discográficos como: Alén do mar (VIR, 2012), Son de Poio (Ed. do Cumio, 2009), Musgafol: gaita e piano (Dos Acordes, 2009), Foliada nas Rías Baixas: Homenaxe a Ricardo Portela, o Mestre (Ed. do Cumio, 2008), Agrupacións de Pontevedra: Agrupacións da Provincia (Deputación de Pontevedra, 2008), A música que facemos (Xunta de Galicia, 2008), Himnos e Marchas Procesionais de Galicia (Clave Records, 2007), paidacana12 (Ed. do Cumio, 2006), De ruada en Bos Aires (Ed. do Cumio, 2006), In Mare (Ed. do Cumio, 2003) y Ruta Folk: Terra Galega (Disco Trompo, 1998) entre outros.

Como investigador fixo coordinación do nº 11 da revista de etnomusicoloxía galega etno-folk (Dos Acordes, 2008), publicou o libro-CD “Os Montes de Lugo” (Ouvirmos, 2006), o libro+CD+CD-ROM “O Quinteto Monterrey de José Posada. Nos xardíns da Tropical” (Dos Acordes, 2009) colaborou co musicólogo Luis Costa na investigación e publicación do libro “El legado musical del Maestro Augusto Bárcena” (Deputación de Pontevedra, 2010).

É o creador e organizador do “Encontro de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA gaitas de fol do noroeste”, e mais dos espectáculos “MUSGAFOL” (gaita-piano, gaita-banda e gaita-orquestra), e “JUELLES: Encuentro de Gaitas Europeas”. En 2010 organizou os concertos dos “JUEGOS NÁUTICOS ATLÁNTICOS CANTABRIA 2010”.

Participou en importantes festivais coma o Festival Intercéltico de Lorient, Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, Festival Intercéltico do Morrazo, Festival Intercéltico d’Occidente, Festival Sauga Folk, Festival Celta Internacional Reino de León, Festival Folk Canarias ou Festival Capodanno Céltico. Así mesmo colaborou en diferentes proxectos con gaiteiros galegos de renome como Paulo González, Iván Costa, Edelmiro Fernández ou Pablo Devigo e cos internacionais Patrick Molard, Diarmaid Moynihan, Ventzislav Andonov.

Na actualidade está a presentar a seu primeiro disco en solitario “Alén do mar” coa súa banda de directo “Oscar Ibáñez & Tribo”, formada polos músicos galegos de recoñecida traxectoria Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta e Andrés Vilán, cos que actuou por toda Galicia, distintos puntos da península como Asturias, Cantabria, Cataluña, León, Madrid, Andalucía, Canarias e Portugal, así coma en Bretaña e Italia.

26 de setembro de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.