O alcalde de Ortigueira convida a participar masivamente na saída da Volta 2014
Ortigueira prepárase para converterse este mércores en anfitrioa da Volta 2014. Mañá, xornada de descanso da rolda española, os equipos de Unipublic tomarán toda a fachada litoral do centro urbano para preparar a histórica saída de etapa. O alcalde ortegano, Rafael Girón pide máxima colaboración co Plan especial de Tráfico e mobilidade, e anima a todos os veciños do Ortegal a sumarse masivamente ao espectacular evento deportivo.
Desde a Policía Local lémbrase que na sobremesa de mañá activarase o Plan de Tráfico, deseñado para facilitar os preparativos da carreira e garantir a máxima seguridade do pelotón internacional durante a saída neutralizada do pelotón internacional desde o Porto deportivo con dirección Ferrolterra (mércores 12:45 horas).
Limitacións de tráfico
Neste sentido, cabe apuntar que mañá e pasado (9 e 10 de setembro), a partir das 17 horas, quedará prohibido o estacionamento no aparcadoiro da Alameda, zonas anexas e no peirao de Ortigueira. Así mesmo prohibirase a circulación de todo tipo de vehículos nos viarios de acceso a estas céntricas zonas (rúas As Pontes, Concordia, Alameda, Viaria Portuario e Travesía Alameda). As alternativas para estacionar: parking da Magdalena, avenida Juan Luís Pía e aparcadoiro subterráneo das Vivendas Sociais.
As restricións redobraranse no día da carreira, xornada na que se estenderá a prohibición de aparcar a ambas as marxes da Estrada Xeral no treito comprendido entre a intersección coa rúa As Pontes e a Oficina de Turismo (A Lagarea), e ademais cortarase o tráfico nesta vía desde o mediodía e até o paso do pelotón.
Actividades especiais
En paralelo ao desenvolvemento da montaxe de infraestruturas en plena zona portuaria, Concello e Pena Ciclista Santa Marta programaron toda unha serie de actividades especiais co ánimo de promocionar este deporte.
A oferta incluirá unha xincana infantil (a partir das 15:30 h, xunto á piscina), unha marcha ciclista pola Estrada de Circunvalación a Morouzos (17:30 h, con saída desde a área deportiva da Preguiza), unha exposición fotográfica no claustro da Casa Consistorial e un simposio de ciclismo (Teatro de Beneficencia, 20:00 h), no que participarán, entre outros, os ex ciclistas Álvaro Piñeiro e Óscar Pereiro, ou o comentarista de RTVE, Carlos de Andrés.
Chamada á participación
O alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, pide un esforzo por parte do público para que participe masivamente na saída da 17ª etapa da Volta 2014, percorrido de 190 km entre Ortigueira e a cidade da Coruña. “Entre todos temos que conseguir que sexa un momento memorable”, sostén o rexedor. Non en balde, lembra o complicado de ser sede de etapa e a oportunidade única que, desde o plano deportivo e turístico, supón a noticia para o municipio.
Consente da ilusión que representa para os máis pequenos vivir en directo a carreira, fai unha especial chamada aos pais/nais do alumnado do CEIP, que ese día inicia as clases. Girón anima ás familias a achegarse a media mañá ás instalacións educativas para recoller aos seus fillos e achegalos ao Porto deportivo para que poidan gozar da saída do pelotón (ás 11:15 h arrinca a caravana publicitaria), sabendo que, unha vez que esta se produza, a actividade escolar seguirá con normalidade.