publicidade hoxe

O alcalde de Neda convocará reunións informativas nas parroquias para explicar o Plan de Urbanismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, anunciou esta mañá que o Concello programará unha serie de reunións en todas as parroquias da real vila para dar a coñecer o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobado inicialmente en pleno hai escasas semanas. Explicou que o obxectivo do goberno municipal é facilitar o acceso da veciñanza ao documento urbanístico e atender as súas consultas. Especialmente, daquelas persoas que teñen dificultades para desprazarse ata a casa consistorial, lugar onde permanece o plan a exposición pública dende o pasado luns, 8 de setembro.

E onde continuará por espazo de dous meses. Neste sentido, o rexidor lembrou que dende ese día o arquitecto municipal reserva unhas horas da súa xornada laboral a atender as demandas de información veciñais relativas ao documento. En concreto, de luns a venres, entre as 12 e as 14 horas e sen necesidade de cita previa. Así mesmo, Ignacio Cabezón explicou que, nestes momentos, o Concello está a pechar un calendario cos lugares, datas e horarios das reunións e que, nos próximos días, daráse conta dos mesmos a través da páxina web municipal, carteis e redes sociais. En todo caso, avanzou que nas mesmas participará persoalmente xunto a persoal técnico. Por último, o alcalde engadiu que nesas xuntanzas tamén dará a coñecer toda unha serie de proxectos e iniciativas estratéxicas para a real vila.

12 de setembro de 2014 | 12:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.