publicidade hoxe

O alcalde de Miño recibe á peregrinación formada polos Directivos da International Trust

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMiño
A-
A+
O alcalde de Miño xunto aos directivos de INTO

O alcalde de Miño xunto aos directivos de INTO

Ao redor dunha ducia de directivos da International National Trusts Organisation (INTO) procedentes de Gran Bretaña, Uganda, Canadá, Francia ou Australia, comezaron onte en Ferrol o Camiño Inglés nunha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña en colaboración con Tesouros de Galicia.

A comitiva, na que tamén toman parte membros de Cogami para demostrar “a accesibilidade do Camiño”, foron recibidos polo alcalde de Miño, Jesús Veiga Sabín, e pola concelleira de Urbanismo, Eva Vilariño, no albergue de peregrinos de Miño. O titular de INTO, Simon Molesworth, destacou a importancia que supón para a súa organización “poder coñecer sobre o terreo a ruta para despois promocionala nos países onde traballamos”. Insistiu ademais no “sobresaliente” do Camiño Inglés en todo o que se refire a “Patrimonio e Historia con maiúsculas”, xa que, asegurou, “estamos aquí para aprender, pero tamén para axudar a promocionar un percorrido cargado de valores”. O alcalde agradeceulles aos membros da International National Trusts Organisation o interese demostrado polo Camiño Inglés e animou aos peregrinos a percorrelo.

Ao longo do percorrido, os peregrinos, ademais de gozar da paisaxe, do patrimonio do Camiño e de vivir en persoa unha experiencia única, reciben ampla información sobre a ruta noutros aspectos de interese turístico como a gastronomía típica dos concellos polos que discorren os tramos e a veciñanza.

Esta iniciativa, que concluirá o venres en Santiago tras percorrer cinco etapas, enmárcase no convenio asinado recentemente entre a Deputación da Coruña e Tesouros de Galicia, entidade sen ánimo de lucro e única sociedade española membro da INTO.

O fin desta colaboración é pór en valor o Camiño Inglés, así chamado debido a que foron os ingleses quen empezaron a utilizalo durante os séculos XIV e XV, sendo o barco o medio utilizado para chegar ás costas galegas. Hoxe en día, esta ruta alternativa cara a Santiago mantense como un recurso turístico moi importante para a provincia e segue espertando grande interese no mercado anglosaxón, co que existen vínculos moi marcados por motivos históricos e culturais.

As etapas previstas seguen o trazado orixinal do Camiño Inglés tradicional con Ferrol como punto de partida, seguindo por Pontedeume, Miño, Betanzos, Bruma, Sigüeiro e Santiago, e así completar unha peregrinaxe que supera os 110 quilómetros.

ETAPAS:

-Luns 15: Ferrol-Pontedeume. 25 km
-Martes 16. Pontedeume-Miño-Betanzos. 18 km
-Mércores 17. Betanzos-Bruma. 28 km
-Xoves 18. Bruma-Sigüeiro. 24,8 km.
-Venres 19. Sigüeiro-Santiago. 16,5 km.

Ademais, haberá un segundo grupo que iniciará o percorrido o mércores na Coruña, outro dos portos tradicionais de entrada dos barcos británicos, desde onde realizarán as tres etapas ata a tumba do Apóstolo.

16 de setembro de 2014 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.