O alcalde de Ferrol espera que o levantamento do veto a Navantia Fene xere emprego
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asegurou este martes que a partir do primeiro día do próximo ano 2015 se abre a posibilidade de que a antiga Astano “volva ser produtiva e a xerar emprego e riqueza”.
Por iso, en declaracións aos medios, o rexedor sinalou que é “fundamental esixir o posicionamento firme de todos” para que ese levantamento real do veto á construción civil se converta nunha oportunidade de ocupación.
Rey Varela tamén mostrou a súa satisfacción polas declaracións realizadas en Bruxelas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas que solicitaba un esforzo ao departamento comercial de Navantia para conseguir novos contratos de todo tipo de buques para o estaleiro situado en Fene.
O rexedor popular ferrolano recordou que non é a primeira ocasión que o líder do PP en Galicia fai este chamamento, e que, ademais, “é un” dos seus “maiores activos, xa que hai que recordar que grazas ás súas xestións se logrou o buque flotel para Pemex”, ademais de pedir con insistencia, segundo Rey Varela, “o novo buque militar, da clase BAM, que se empezará a construír proximamente”.











