O alcalde de Ferrol dá a benvida á pasaxe e tripulación do cruceiro “Adonia” que fai escala na cidade

Rey Varela dá a benvida ao cruceiro Adonia
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, participou na xornada de hoxe no saúda de benvida á tripulación e pasaxe do trasatlántico “Adonia”, da compañía inglesa P&O,que esta mañá facía escala no porto da cidade antes de continuar singradura que o levará a rada británica de Southampton. O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Jose Manuel Vilariño, acompañou ao primeiro edil da cidade na visita ao cruceiro onde foron recibidos polos responsables da tripulación. Ao redor de 1.100 persoas –entre tripulación e pasaxeiros- chegaron vía marítima a Ferrol a bordo deste barco de pasaxe.
Jose Manuel Rey entregou aos gobernadores do cruceiro unha metopa co escudo da cidade e deulles a benvida a Ferrol “onde temos unha fonda vinculación co mar, xa que as nosas orixes como cidade están no servizo á Mariña de Guerra e na construción civil”. Así mesmo, o rexedor municipal destacou a importancia do porto de Ferrol, “tradicionalmente como receptor de mercantes e, nos últimos tempos, recibindo cada vez un maior número de cruceiros”. Neste sentido, entre setembro e o vindeiro mes de outubro visitarán Ferrol unha decena de cruceiros. O “Adonia” é o buque de pasaxe número 14 que chega a cidade no que levamos de ano e Ferrol pechará 2014 cun total de 26 escalas de cruceiros.
Coincidindo coa chegada deste cruceiro, como vén sendo habitual, o Concello de Ferrol puxo a disposición da pasaxe un autobús lanzadeira, así como o city-tren. Entre as excursións que se ofertaron a estes visitantes está a Ruta do Naval con percorridas por Exponav e o Arsenal. Así mesmo, un servizo de azafatas e de guías turísticos entregaron a cada un dos pasaxeiros un plano do casco histórico da cidade con información de interese: tendas, locais de hostalería, establecementos comerciais, museos, prazas e sitios de interese, etc… Mañá xoves, atracará en Ferrol outro cruceiro: repetirá escala o “Aida Stella”, que chegará procedente da rada francesa de Le Havre con máis de 2.000 turistas a bordo.











