O alcalde da Laracha agradece a Jesús Varela Rey o seu traballo durante os seus tres anos como concelleiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha celebrou hoxe a sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de setembro no que o principal tema foi a confirmación da renuncia de Jesús Varela Rey como concelleiro do grupo municipal do Partido Popular.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, agradeceu a Jesús “o teu traballo, dedicación e interese por tratar de solucionar problemas que afectan á vida pública dos veciños do municipio e, especialmente, dos da parroquia de Soutullo”, que é onde reside. O rexedor desexoulle “sorte a nivel profesional e persoal”.

Jesús tomou a palabra para confirmar a súa renuncia como concelleiro “por motivos laborais que me impedirán asistir aos Plenos”, dando ás grazas á Corporación por facilitar o seu traballo como edil durante os máis de tres anos no cargo. Todos os concelleiros despediron a Jesús Varela cun unánime aplauso.

O secretario da Corporación comunicou que a credencial pasará á seguinte persoa da lista do Partido Popular ás eleccións municipais de maio de 2011, correspondendo á que se presentou no posto décimo cuarto, que foi Lucía Varela Rabuñal. Dito acordo será trasladado á Xunta Electoral Central para que remita a credencial e a nova concelleira poida tomar posesión na próxima sesión plenaria.

Adhesión rede 060

Acordouse por unanimidade a adhesión do Concello da Laracha ao convenio marco entre a administración xeral do Estado e a Xunta de Galicia para a implantación da denominada Rede 060 (oficinas integradas de atención ao cidadán no ámbito territorial de Galicia) en substitución do convenio marco do Portelo Único.

O Concello da Laracha, como entidade local, prestará, tal e como xa o vén facendo, o nivel 1 de atención, adquirindo os compromisos de configurar os seus rexistros como oficinas de contacto (admitindo a presentación de calquera escrito dirixidos a calquera órgano da Administración Central do Estado e da Xunta de Galicia), deixar constancia nos rexistros de entrada municipais dos citados escritos e remitilos de xeito inmediato aos órganos destinatarios.

En definitiva, o acordo é un mero trámite dirixido a actualizar o convenio que xa estaba en vigor para garantir que o Concello da Laracha continúe ofrecendo á cidadanía as mesmas prestacións que as actuais.

Mocións

No apartado das mocións, foron aprobadas tres, alcanzándose os seguintes acordos:

– Instar aos gobernos do Estado e da Xunta de Galicia a que continúen desenvolvendo políticas que fomenten o crecemento económico, a creación de emprego e a protección dos persoas desempregadas, en especial daqueles colectivos que se atopan con máis dificultades para retornar ao mercado de traballo.

– Instar ao Ministerio de Sanidade a axilizar as negociacións coa industria farmacéutica propietaria do medicamento sofosbuvir para que sexa parte do catálogo de medicamentos do sistema nacional de saúde o antes posible, así como non establecer restricións para que as persoas enfermas de hepatite C poidan ter acceso a el.

– Instar á Consellería de Sanidade a que continúe garantindo o acceso universal das persoas enfermas de cancro a todos os tratamentos fármacos necesarios.

Piscina municipal

Por último, o alcalde referiuse á situación actual do funcionamento do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, un tema que fora tratado previamente na Xunta de Portavoces polos representantes dos tres grupos políticos representados na Corporación.

24 de setembro de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.