O Ágora acolle CoruñaFilm con 20 actividades gratuítas para todos os públicos
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a segunda edición de CoruñaFilm, o encontro anual sobre a creación audiovisual a través da curtametraxe que organiza o Concello no centro Ágora entre os días 30 de outubro e 1 de novembro.
“CoruñaFilm 2014, que na súa primeira edición de 2013 reuniu a case 1.000 asistentes e 30 profesionais, incluirá nesta ocasión máis de 20 actividades gratuítas e 110 horas de programación nas que se abordarán as distintas fases do proceso de creación cinematográfico (guión, dirección, interpretación, produción e distribución)”, afirmou Ana Fernández.
A tenente de alcalde de Cultura destacou que se trata dunha cita, coordinada pola Fábrica, que aposta polo apoio aos novos realizadores, o fomento do intercambio creativo e o achegamento do cine a todos os públicos da man dos seus protagonistas. Serán tres xornadas nas que destacados nomes da industria cinematográfica nacional intercambiarán coñecementos e experiencias con profesionais galegos do sector, mozos creadores, estudantes e público cinéfilo en xeral. Talleres formativos, proxeccións de curtametraxes, actividades de tutorización de proxectos, axudas ao financiamento de proxectos e curtametraxes xa realizadas, unha exposición, encontros entre profesionais da industria cinematográfica e a rodaxe exprés dunha curtametraxe son algunhas das actividades infantís, xuvenís e para todos os públicos que conformarán CoruñaFilm 2014.
Actividades de inscrición previa para profesionais do cine e estudantes (Aberto hoxe, xoves 25 de setembro, o prazo)
– A Coruña volverá servir de escenario para unha rodaxe exprés con Eduardo Chapero-Jackson (A Contraluz e Verbo), quen elexirá aos integrantes do seu equipo técnico de entre todos os inscritos á actividade. Os participantes serán seleccionados para cubrir as necesidades dos departamentos de dirección, produción, dirección de fotografía, son, montaxe e dirección de arte para, durante tres días, producir, rodar, montar e estrear unha curtametraxe conxunta partindo dun guión escrito en exclusiva para o festival.
Profesionais, estudantes e afeccionados ao cine poderán formar parte desta actividade a través dunha convocatoria aberta. Realizarase un casting de actores previo no que se emprazará aos novos valores da interpretación da Coruña. A curtametraxe proxectarase o sábado 1 de novembro a modo de clausura de CoruñaFilm 2014.
“Quero buscar unha experiencia agradable que permita crear unha peza de cine que teña percorrido despois do festival. Todos os departamentos desenvolverán un traballo técnico difícil para a realización da curtametraxe. Será un pequeno máster de cine condensado en tres días”, destacou Eduardo Chapero-Jackson na presentación de CoruñaFilm 2014.
– Nove talleres intensivos de 4 horas de duración aproximarán aos alumnos participantes a distintos momentos do proceso cinematográfico: taller de guión nivel avanzado, por Fernando León de Aranoa (Los lunes al sol ou Princesas); taller de guión para principiantes, por David Planell (La Vergüenza); dous talleres de dirección de cine, nivel avanzado e amateur, por Enrique Urbizu (No habrá paz para los malvados e La Caja 507); dous talleres de interpretación, para iniciados e principiantes, por Ana Graza (Escola Corazza para o actor); taller de financiamento de proxectos audiovisuais, pola produtora Puy Oria (Secretos del corazón e Silencio roto); taller de novas formas de distribución, por Pablo Maqueda (Manic Pixie Dream Girl, Real Movie, #Littlesecretfilm); e taller de cine para todos, por Iñaki Arrubla (Cine Accesible) sobre a accesibilidade no cine e os procesos de audiodescripción e subtitulado para espectadores cegos e xordos, respectivamente, co obxectivo integrar a diversidade funcional.
– Unha das principais novidades de CoruñaFilm 2014 é a creación do Premio CoruñaFilm. O obxectivo principal é preservar e difundir o patrimonio audiovisual galego. Poderán optar a este premio todos aqueles traballos audiovisuais dirixidos por cineastas galegos que non superen os 15 minutos de duración e non sexan proxectados na anterior edición de CoruñaFilm. Os curtos finalistas do certame serán proxectados durante o festival. O galardón, dotado con 600 euros, será concedido por un xurado profesional.
– Tamén se incorpora ás propostas do festival Área de Pitching, unha nova actividade que formará aos realizadores na procura de financiamento para os seus proxectos audiovisuais. Un pitch é unha exposición pública sobre un proxecto audiovisual co obxectivo de buscar financiamento. Con esta actividade, os autores de 12 proxectos audiovisuais seleccionados recibirán unha sesión de coaching que achegará aos cineastas participantes as ferramentas, consellos e instrucións necesarias de cara á realización dun pitching dun máximo de 15 minutos ante un xurado integrado por Pela del Álamo (Festival Curtocircuíto), Millán Vázquez Ortiz (Axencia Freak) e Mamén Quintas (Ficción Producións). O mellor proxecto recibirá 600 euros en concepto de axuda para a súa posta en marcha.
– Citas de cine creará un punto de intercambio e encontro entre novos realizadores e pesos pesados do cine español. A directora Gracia Querejeta (Cuando vuelvas a mi lado, Siete mesas de billar francés e 15 años y un día), a produtora Beatriz de la Gándara (Los años bárbaros e Al sur de Granada, Fernando Colomo); ou o distribuidor Millán Vázquez Ortiz (Axencia Freak) manterán citas individuais cun total de 20 participantes, que terán a oportunidade de mostrar os seus traballos e recibir asesoramento persoal en sesións de 25 minutos.
– As futuras xeracións do cine serán os protagonistas de varias actividades destinadas para un público infantil e xuvenil. Acercará o cine aos máis pequenos da casa cun taller de dirección para nenos de 6 a 11 anos;e con outras dúas sesións didácticas para adolescentes de 12 a 17 anos que fomentará os seus dotes de interpretación ante a cámara e de dirección de curtametraxes. Serán tres talleres que impulsarán a súa creatividade e os seus coñecementos de cine desde unha perspectiva pedagóxica á vez que divertida.
Actividades de acceso libre para cinéfilos
CoruñaFilm 2014 tamén dará lugar a conferencias e encontros ao redor de distintos aspectos de cada especialidade do cine de boca dos súas propios protagonistas. Unha noite con… percorrerá a dilatada e recoñecida carreira dun profesional da industria do cine, en formato entrevista e conducida por Antonio Mourelos, director da Academia Galega do Audiovisual.
Como parte da programación complementaria e interdisciplinar de CoruñaFilm 2014, o centro Ágora mostrará, durante os 3 días do festival, a exposición Mortadelo y Filemón contra Jimmy el cachondo: Los intríngulis; unha mostra exclusiva que reúne os bosquexos e storyboards creados por Víctor Monigote, director artístico da nova película en 3D de Javier Fesser (Camino e El milagro de P.Tinto ), e que se estreará en cines o próximo 28 de novembro. Ademais, Javier Vasallo presentará o seu libro Sin claquetas, 40 historias de Cine, onde repasa a súa carreira á fronte de Buena Vista Internacional con proxectos como as longametraxes galegas O bosque animado, O soño dunha noite de San Juan ou Os mortos van rápido, dirixidos polo tamén coruñés Ángel de la Cruz.
Directores, actores e guionistas participarán en tres coloquios moderados e abertos á intervención do público asistente.As directoras e guionistas Patricia Ferreira (Los niños salvajes e El alquimista impaciente) e Inés París (Semen, una historia de amor e A mi madre le gustan las mujeres), membros de CIMA (Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais) conversarán sobre o papel da muller na industria cinematográfica. Tamén se celebrará un encontro sobre o proceso de escritura dun guión cinematográfica e o peso da dirección durante a realización dunha película, e unha última conversación sobre as diferentes mecánicas de traballo na interpretación en cine e en televisión.
Como non hai festival cinematográfico de referencia no que non se poida ver cine en pantalla grande, CoruñaFilm acollerá seis sesións de proxeccións na que os espectadores asistentes poderán gozar das curtametraxes finalistas do Premio CoruñaFilm, Premios Gaudí -que concede a Acadèmia do Cinema Català- e Premios Mestre Mateo, o palmarés da última edición do festival de curtametraxes JamesonNotodofilmfest; así como #Sequence, unha longametraxe colectiva apadriñado por Montxo Armendáriz.
O programa completo de actividades de CoruñaFilm 2014 pódese consultar en www.coruna.es/corunafilm, onde todos os interesados tamén poden apuntarse desde hoxe nas actividades que requiren de inscrición previa.











