O Agility exhíbese en Carral

Exhibición Agility
O domingo tivo lugar en Carral a 1ª Exhibición de Agility. Esta mostra levou a cabo na área recreativa da Brexa, entre as 11.30 e as 14.00 h, grazas á colaboración do club “Cousa de Cans” afincado na parroquia de San Vicente de Vigo, e o Concello de Carral.
O percorrido estaba composto por varios elementos de habilidade (túneles, saltos, balancíns, pontes elevadas, etc.) dispostos en forma de circuítos, de forma que, segundo a experiencia dos cans, variaba a dificultada do mesmo. Os primeiros en competir foron os cans noveis, os máis novos e por tanto os que menos adestramento acumulan. Acompañados en todo momento dos seus donos, estes cánidos realizaron o percorrido máis simple, sendo sempre premiados ao finalizar o mesmo. A estes seguíronlle os cans máis veteranos e experimentados, que nos mostraron a habilidade e velocidade das que son capaces estes animais.
Nunha segunda fase, levou a cabo a competición de KO, que consistía nunha carreira entre dous cans de similar nivel na que se enfrontaban nun circuíto composto por 3 valos de obstáculos e un túnel. Aquel que completaba antes o percorrido era o vencedor.
Por último, e para implicar aos espectadores na actividade, todos os nenos do público que o desexaron puideron conducir eles mesmos a un dos cans participantes, sempre baixo a supervisión do dono do cánido. Así foron moitos os nenos que se achegaron por primeira vez a este mundo do adestramento canino de competición.











