O 39% dos usuarios do Conciliatardes participaron de balde no curso pasado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O 39% dos usuarios que participaron o curso pasado no Conciliatardes fixérono de balde, en función dos baremos de bonificacións previstos pola Concellería de Servizos Sociais. Ademais, ningún dos 38 nenos e nenas que gozaron deste do programa tivo que pagar na súa totalidade a taxa mensual de 80 euros, polo que o 61% restante dos alumnos foron bonificados entre o 50 e o 25%, tanto nas xornadas completas como nas medias xornadas, onde a cota íntegra é de 40 euros.

A concelleira de Servizos Sociais responde con cifras verídicas ás críticas realizadas por Juan Fajardo nos medios de comunicación baseadas en datos que non se corresponden coa realidade. Estes datos refírense ao curso pasado xa que as valoracións para a aplicación das bonificacións aos alumnos admitidos para o curso que vai a comezar en outubro, aínda non están rematadas. En calquera caso, fanse en función aos baremos establecidos nas bases, nas que se contemplan varios tramos de desconto en función da situación económica e familiar dos usuarios e sempre en base a axudar as familias con menos recursos.

Elena Suárez considera que o voceiro de EU “ou ben non sabe facer os cálculos para aplicar as bonificacións, ou, o que parece máis probable en vista da súa traxectoria, non lle interesa dicir a verdade”.

Neste sentido, a edil lembra que os tramos de renda que figuran nas bases son “per cápita” é dicir, por cada un dos membros da unidade familiar, non para a familia no seu conxunto. A modo de exemplo sinalar que unha familia de 3 membros cunha renda per cápita de 798,76 euros (os ingresos totais da unidade familiar serían o triplo, 2.396,28 euros) pagaría 60 euros de cota, mentres que para pagar esta mesma taxa unha familia monoparental (composta por 2 membros) eta tería que acadar os 1.065,02 euros por cabeza (2.130 euros de ingresos totais para unha familia de 2 membros)

Aparte dos 14 alumnos que acudiron ao Conciliatardes de xeito totalmente gratuíto o ano pasado, as cantidades máis altas pagadas pola xornada completa ( de 15:30 a 21:30 horas) foron de 60 euros ao mes (unha dedución do 25%) abonada por 3 alumnos. Tamén na xornada completa, outros 8 usuarios obtiveron unha bonificación do 50%, e só pagaron 40 euros mensuais.

As procentaxes son similares para o alumnado que optou pola media xornada, que custa 40 euros aos que se lles aplica tamén bonificacións que van entre 0 25 e o 100% da cota en base a situación socio económica das familias.

Suárez lémbralle ao edil de Esquerda Unida que o Conciliatardes “non é unha ludoteca, nin un simple servizo de atención dos nenos, onde os pais poidan deixalos sen máis unhas horas. É un programa socio educativo de moita calidade no que os rapaces, ademais de realizar poio para as súas tarefas escolares, realizan numerosas actividades relacionadas co medio ambiente, a socialización, o respecto aos maiores, o coñecemento da cultura e hisotria da cidade, para a educación en valores e demais”.

A concelleira reta a Fajardo a que compare a cota mensual dun servizo da calidade de prestacións do Conciliatardes cos prezos de mercado dunha gardería ou simple ludoteca que dea servizo seis horas diarias de luns a venres.

Media xornada para dar cabida a máis nenos

Por outro lado, a concelleira sinalou que, hai dous anos, co obxecto de aproveitar ao máximo as horas do Conciliatardes e dar cabida a un maior número de menos, creouse a media xornada, ao terse detectado que moitas familias non facían uso do horario completo e o tempo vacante quedaba baleiro.

So 2 en lista de agarda

En canto ao número de prazas ofertadas este curso, un total de 35, deron a oportunidade de admitir a 37 alumnos, quedando só en lista de espera 2 nenos e outros 2, que están admitidos, coa solicitude de poder ampliar o horario establecido.

11 de setembro de 2014 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.