O 24 de setembro remata a inscrición no obradoiro para fomento e promoción de proxectos a través de internet e as redes sociais
A Concellería de Xuventude e Voluntariado informa de que o mércores, 17 de setembro, péchase o prazo de inscrición no obradoiro “Emprendendo dende a Rede” organizado a través do Programa Actívate 2014 da Dirección Xeral de Xuventude. A actividade diríxese a mozos e mozas de 16 a 35 anos e a asistencia é de balde. O obradoiro pretende formar aos asistentes no uso das redes sociais e internet para a promoción e fomento de calquera tipo de proxectos que desexen emprender.
As redes sociais son recursos con enormes posibilidades que a xente debe aprender a utilizar a efectos de sacar adiante un proxecto empresarial, cultural ou mesmo lúdico. Co obxectivo de amosar todas as portas que se poden abrir neste sentido, a Concellería de Xuventude organiza o obradoiro “Emprendendo dende a Rede” que se celebrará o 19 de setembro na sala de conferencias do Auditorio en horario de 18:30 a 20:30 horas. Os interesados poden anotarse nas oficinas da OMIX, sitas no Concello, ata as 14:00 horas do mércores 17 de setembro.
Dende esta iniciativa informativa abordaranse contidos relativos ao Emprendemento dende os blogs e o sistema de financiamento de “Crowdfunding”. Dentro destes dous bloques temáticos explicaranse aspectos como a presentacións de diversos blogs, as claves dun blog e o decálogo dun blogger; ademais de tratar sobre como vender un proxecto a través das redes, as páxinas temáticas e os Packs e mecenas.











