O 15 de setembro será a data límite para beneficiarse do 20% na bonificación do prezo do solo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O vindeiro luns día 15 de setembro ás 13.00 horas rematará o prazo para que as empresas interesadas en adquirir solo industrial no parque empresarial da Laracha presenten as súas ofertas e poidan beneficiarse da bonificación do vinte por cento no prezo que aplica neste procedemento aberto a sociedaed Suelo Empresarial del Atlántico (SEA).

As condicións vixentes poden consultarse ao completo no taboleiro de anuncios do Concello da Laracha e na web de SEA (http://www.seasuelo.com/imagenes/files/CONDICIONES_P_E_LARACHA.pdf). As propostas deben ser remitidas ás oficinas centrais desta sociedade, situadas en Santiago de Compostela.

A área industrial pública larachesa presenta unha superficie bruta de 825.000 m2. Actualmente son 128 o número total de parcelas que están á venda, contando as de menor tamaño con 675 m2 e alcanzando os 61.485 m2 a de maior superficie. O prezo do metro cadrado sitúase entre os 55,20 e os 68 euros, dependendo de factores como o uso de cada parcela, as súas características, superficie e situación.

As empresas que decidan investir no polígono industrial larachés tamén poderán beneficiarse de vantaxes fiscais municipais, xa que se lles aplicará unha bonificación do 95% no imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).

O parque empresarial da Laracha caracterízase por estar realizado en terreo chan, nunha situación xeográfica estratéxica (preto da cidade da Coruña e do porto exterior de Punta Langosteira), excelentes comunicacións (entrada e saída directa desde a zona industrial á autoestrada AG-55) e completa cobertura en servizos (incluíndo rede de gas e telecomunicacións).

O solo que SEA ofrece no polígono do Concello da Laracha a prezo reducido está preparado, polas súas características e equipamentos, para albergar calquera tipo de actividade industrial.

6 de setembro de 2014 | 14:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.