Novo Mesoiro acollerá unha oficina de asesoramento aos afectados pola supresión de axudas á hipoteca

Carlos Negreira en Novo Mesoiro
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou o centro cívico municipal de Novo Mesoiro para anunciar a posta en marcha dunha oficina municipal de información e asesoramento para os afectados pola supresión de axudas á hipoteca.
A oficina, que conta con 4 traballadores municipais formados especificamente polo IGVS, abrirá as súas portas do 15 ao 30 de setembro en horario de 08.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas e contará co teléfono de información 660 658 603.
Tal e como explicou o alcalde, a localización elixiuse neste barrio por ser o que conta cun maior número de afectados, uns 450, o que supón o 95% da cidade (unha pequena parte de afectados pertencen a Eirís). Desta forma preténdese atender, a pé de barrio, as posibles dúbidas ou reclamacións dos veciños, debido a que o mes pasado o Ministerio de Fomento comunicou os novos criterios que se aplicarán.
Carlos Negreria lembrou o compromiso do Goberno local cos veciños afectados xa que desde un primeiro momento mantivéronse reunións para escoitar as súas reclamacións que foron trasladadas tanto á Xunta como a Fomento; ademais da aprobación dunha moción no pleno para apoiar as súas demandas. “Esperamos ver o máis pronto posible resolto este problema e que os veciños recuperen unha axuda que tiveron, cancelouse e que se volveu a restablecer”, finalizou.











