Novo desconto para abonarse ao Rio Natura Monbus Obradoiro
A campaña de abonados do Rio Natura Monbus Obradoiro continúa o seu curso coa incorpración dun novo desconto. A partir de hoxe, todos os ex abonados de tempadas anteriores á pasada terán un 5% de desconto por volver unirse ao club esta campaña.
Desta maneira, aqueles afeccionados que pertenzan ao club nalgunha campaña previa á 2013/14, poderán volver vivir os partidos da liga Endesa no Fontes do Sar abonándose cun 5% de desconto sobre o prezo que terían na sección elixida, acumulable no caso de pertencer a un dos grupos con Prezos Reducidos (menores de 18, estudantes menores de 25, xubilados maiores de 65, parados de longa duración e federados do ámbito do baloncesto).
Este novo desconto únese así aos xa existentes, do 10% para abonados do pasado ano, o 30% para accionistas con máis títulos dos mínimos, así como o 10% acumulable a calquera oferta do programa “Trae a un amigo”.
Lembramos tamén que os prezos dos abonos mantéñense iguais á campaña pasada en Fondos e Tribuna 2 e descenden nos sectores de Tribuna 1 e Tribuna Retráctil, de tal maneira que se vai pasando dos 188 euros por un abono en sector Fondos aos 270 euros en Tribunas 2, 405 euros en Tribunas 1 ou 480 euros en Tribunas Retráctil.











