Nos vindeiros días Portos de Galicia finalizará a reparación do dique de abrigo do peirao da Guarda
Portos de Galicia prevé finalizar nos vindeiros días as obras de reparación do dique de abrigo no peirao do municipio pontevedrés da Guarda. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á zona na que se están a ultimar os traballos de reparación dos danos provocados polos temporais do pasado inverno.
En concreto, o temporal de mar de fondo do pasado mes de xaneiro provocou múltiples danos no porto da Guarda. Así, produciu a perda de bloques de protección no contradique, a avaría e perda parcial do morro do dique, o derrubamento do martelo interior e a caída de parte da rampla anexa, coñecida como a rampla do Carreiro.
As obras, que se atopan actualmente a piques de rematar, integraron catro actuacións. Por unha banda reforzáronse os bloques do contradique e repuxéronse parte deles. Tamén se reforzou o morro do dique de abrigo e restaurouse o martelo interior, achegando escollera. Finalmente, reparouse a rampla do Carreiro repoñendo o muro exterior e a pavimentación.
Esta actuación foi tramitada por vía de emerxencia e a súa execución viuse posposta ata o mes de xullo por razóns de seguridade debido ás dificultades de avaliación total dos danos a causa do mal tempo. O importe total dos traballos é de 273.571 euros, IVE incluído.











