Nos últimos tres anos a Deputación aportou 300.000 euros á D.O. Rías Baixas para o seu plan de actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o seu homónimo da DO Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo para analizar diversos aspectos do sector e da Ruta do Viño Rías Baixas.

Nunha comparecencia conxunta, Louzán informou que, nos últimos tres anos, a Deputación aportou á DO 300.000 euros para o seu plan de actividades, medios técnicos e humanos e campañas de promoción entre as que figura a Ruta do Viño.

Unha ruta que ten como obxectivo non só a promoción senón tamén a venda do produto, así como ofrecer novas alternativas ao turismo e ampliar a oferta máis alá do tradicional “sol e praia”.

Vendima e novas alternativas

Juan Gil afirmou que cada día súmanse novas adegas a este itinerario lúdico, turístico e gastronómico de tal xeito que a DO inicia este mes de setembro a Ruta da Vendima que inclúe o Bus do Viño con 26 bodegas e viaxes dende Santiago, Vigo e Pontevedra para coñecer 3 bodegas en cada viaxe, gastronomía e patrimonio de Vilagarcía, Cambados, O Grove, Arbo e Salceda. As viaxes son as fins de semana ata o 25 de outubro.

Outra das iniciativas adoptadas son a celebración dun curso de fotografía, baixo o profesorado do fotoxornalista Xurxo Lobato, para que 20 alumnos retraten a vendima. Finalmente, celebrase tamén unha xornada de Kayak entre Pontearnelas e Cambados para 24 persoas que remata na adega Pazo de Fefiñáns.

Louzán e Juan Gil destacaron o valor da mutua colaboración como xeito de potenciar un sector estratéxico para a provincia que factura anualmente 150 millóns de euros, da ocupación fixa a 7.000 persoas e temporal a outras 5.000.

Foro de debate e concienciación

Neste sentido, Louzán anunciou a próxima celebración dun Foro no que participarán o Consello Regulador, as adegas, os produtores e a Administración, para debater e concienciar sobre a necesidade de incrementar a calidade e potenciar un viño “que aínda ten moito máis percorrido”, dixo Louzán.

Nesta liña de potenciar a calidade, Louzán suxeriu novos pasos tendentes a que todo o sector debe tomar conciencia de que, en aras desa calidade, “hai que cortar unha parte da colleita”.

O presidente da Deputación afirmou, finalmente, que, en vista do bo funcionamento do proxecto Viñas Atlánticas para a correcta aplicación  dos produtos fitosanitarios e o control de pragas, solicitará á UE unha ampliación deste programa para todos os viticultores da DO. O proxecto Viñas Atlánticas, ata agora desenvolvido, supuxo unha inversión de 1,5 millóns de euros.

Respecto do inicio da vendima, Juan Gil afirmou que se iniciará entre o 15 e o 20 de setembro e dixo que as perspectivas son de recoller entre 22 e 25 millóns de quiilos “será unha colleita boa, sán, que madura ben e de moita calidade”, dixo. Sobre os visitantes da Ruta do Viño indicou que son de ámbito nacional aínda que hai grupos de 15 persoas, de procedencia inglesa e nórdica, que demandan unha moi alta calidade.

10 de setembro de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.