Negreira rexeita que Facenda reclame un plan de axuste aínda que admite un problema contable
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, rexeitou que o Ministerio de Facenda obrigue ao Consistorio coruñés a un “plan de axuste” e argumentou que se trata dun “problema contable”, que atribuíu a “facturas nos caixóns” do anterior goberno bipartito.
A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa visita ao centro cívico de Novo Mesoiro, dixo que se mesturan temas que non corresponden nin á solvencia nin á necesidade de débeda”. “A Coruña é das 10 cidades máis solventes das 63 urbes españolas”, sentenciou.
Respecto diso, recalcou que “de media por persoa nas cidades máis importantes de España, débense máis de 800 euros” mentres que apostilou que na Coruña se sitúa nos 300 euros, un 66% menos”, insistiu.
SOLVENCIA “GARANTIDA”
“A solvencia do Concello está absolutamente garantida”, recalcou o rexedor. Ao ser preguntado se o que reclama Facenda é un plan de axuste, dixo que se trata “dun tema contable”.
“Débese ao crédito que se pediu para pagar as facturas nos caixóns de máis de 7 millóns de euros e produciu un desaxuste contable que se cifra en 700.000 euros”. “Como comprenderá o problema desta cidade con case 300 millóns de orzamento non son 700.000 euros”, engadiu.
Negreira, que precisou que o Consistorio non recibiu ningunha “comunicación oficial” do Ministerio de Facenda a este respecto, rexeitou tamén as críticas dos grupos da oposición e, en particular, do PSOE.
“O PSOE di moitas cousas, di que imos gastar 3 millóns de euros máis en persoal cando desde o ano 2011 ao 2014 se van a aforrar 5 millóns de euros”, engadiu o rexedor, quen pediu ser “un pouco sensatos, serios e rigorosos” e non “inventar problemas”.











