Negreira presenta como exemplo de rexeneración urbana a ‘Rolda dos Barrios’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asegurou esta mañá que a Rolda de Outeiro debe adaptarse ao século XXI para converterse en “a Rolda dos Barrios”, un lugar que una e vertebre a cidade, tendo en conta que pasa por 14 zonas da Coruña e que o 45% dos veciños vive a 5 minutos desta importante vía.

“Temos a Rolda de Outeiro, que é a columna vertebral da Coruña, como cando se construíu, actuando como un elemento máis de división que de unión”, asegurou Negreira, quen explicou que a Rolda dos Barrios é unha das iniciativas que forma parte de Coruña Conecta, un dos vectores claves, xunto con Coruña Verde e Azul, A cidade tecnoindustrial A Coruña- Arteixo e Coruña Emerxe, incluídos en Coruña Futura.

O alcalde avanzou que xa se está preparando o proxecto de rehabilitación da Rolda de Outeiro que apostará por unha mobilidade propia do século XXI, reflectida no PMUS. Pasará pola rehabilitación enerxética de vivendas e fachadas e pola recuperación de espazos verdes, ademais da redución de CO2: “Trátase dun proxecto moi ambicioso e que encaixa perfectamente coas directrices europeas para o seu financiamento”.

Esta rehabilitación integral da Rolda de Outeiro ten como principais obxectivos a ampliación dos espazos públicos para o peón, a reordenación do transporte colectivo, a dotación de arboledo e mobiliario urbano e a renovación das fachadas e a imaxe urbana deste importante espazo. “Redundará nunha mellora da calidade de vida e suporá unha importante rexeneración urbana”, destacou o alcalde.

Esta actuación responde aos obxectivos expostos en Coruña Conecta, unha serie de iniciativas que, unidas, tratan de lograr un equilibrio entre os barrios para conseguir a mellora integral da cidade, con actuacións que suporán non só a mellora da calidade de vida, senón o impulso das actividades económicas.

Así o anunciou Carlos Negreira no almorzo informativo Fórum Europa. Tribuna Galicia, organizado por Nova Economía Fórum, no que ofreceu a súa visión destes 3 anos de mandato e no que avanzou o modelo de cidade polo que aposta o Goberno local. O alcalde describiu, brevemente, a situación que se atopou o equipo de Goberno ao comezo do mandato, cunha prima de risco en ascenso, con empresas caendo, como o caso de Spanair que supuña o 32% dos pasaxeiros de Alvedro, ou un paro que nos 4 anos anteriores incrementouse na cidade un 60%, é dicir, en máis de 7.700 desempregados. Tamén lembrou que o PXOM contaba con 27.000 alegacións, que había un buraco no Parrote ou que se adxudicou en plena crise a maior promoción inmobiliaria, o Ofimático, por 40 millóns de euros: “Chegamos nun momento complicado e difícil pero con moita ilusión e moitas ganas”, asegurou e enumerou as medidas que, desde entón, se puxeron en marcha para invertir esta situación.

– Plan de aforro. Baseado na premisa de vivir como os cidadáns, eliminando gastos superfluos como coches oficiais, seguros privados… que permiten o aforro de 20 millóns de euros no mandato.

– Plan de choque en Servizos Sociais. Lembrou que A Coruña é a cidade que máis inviste en solidariedade cun incremento do orzamento dun 20%.

– Plan de emprego. Adoptáronse medidas como o plan de emprego en colaboración con 23 entidades ou o desenvolvemento dun mapa de recursos co tecido empresarial. Carlos Negreira destacou que, tomando os datos interanuais do número de afiliacións, estas medraron nun total de 2.075.

– Mellora da xestión financeira. O alcalde subliñou a priorización do investimento público e sinalou que, entre 2013 e 2014, investíronse 37 millóns, 3 veces máis que a seguinte cidade; ademais neste tres anos logrouse reducir de 76 a 37,7 días o período medio de pago a provedores; e conxelaranse os impostos por cuarto anos consecutivo: “Estamos entre as 10 cidades de España con menor débeda por habitante”, salientou.

– Actívanse os investimentos públicos. Carlos Negreira destacou o impulso dado, nestes tres últimos anos, a importantes infraestruturas como Alvedro; o porto exterior; ou a Terceira Rolda, que estará finalizada no primeiro trimestre de 2015. Ademais, lembrou as xestións realizadas co Ministerio de Fomento para lograr un convenio con Audasa que contemplase a ampliación de Alfonso Molina e a construción do Viario 18. Tamén se referiu ao importante investimento en Urxencias do CHUAC e á posta en marcha da tan demandada rehabilitación da Fábrica de Tabacos.

– Aposta pola educación. “A educación é vital para competir polo que será a materia prima do século XXI: a creatividade e a innovación”, asegurou e explicou o incremento do 78% no número de menores participantes no programa Coruña Educa, ou o novo regulamento das Escolas Infantís Municipais que, por primeira vez, ofrece prazas gratuítas ás familias con menos recursos: “Finalizaremos o mandato cun 40% máis de prazas nestes centros”.

– Cultura. Carlos Negreira expuxo dous datos destacados: o aumento de socios nas Bibliotecas Municipais nun 29% nestes tres anos e as máis de 800.000 persoas que pasaron por algunha das actividades organizadas pola Ágora. “Impulsamos a figura de Picasso para convertela nunha marca internacional e celebraremos, como acontecemento de interese excepcional, os 120 anos da súa primeira exposición, que foi na cidade”, sinalou o alcalde.

– Equilibrio entre barrios. Carlos Negreira enumerou algunhas das medidas adoptadas para alcanzar o equilibrio entre os barrios da cidade, como a posta en marcha do Plan RUA; o Plan de Ascensores; as máis de 600 actuacións incluídas no Plan de Accesibilidade, ou os plans de mantemento de parques infantís e centros cívicos municipais. Neste sentido, incidiu na creación de tres destas instalacións: Agra do Orzán, Cidade Vella e Catro Camiños. Tamén se referiu a actuacións singulares como o parking das Conchiñas, San Pedro de Visma, Palavea e do Parrote e A Mariña.

– Diálogo. Nestes tres anos apostouse por aplicar a diplomacia urbana e a política colaborativa para temas que afectaban á comarca, como a auga, os residuos, o transporte público, ou a posta en marcha dun carril bici metropolitano; á vez que se dialogaba a nivel nacional e internacional con presenza da cidade no consello da FEMP, ou a presidencia da Eurorrexión e das Cidades do Arco Atlántico.

– Planificación. Negreira falou de tres instrumentos de planificación fundamentais.

> Plan Xeral. Aprobado en tempo marca, superando as 27.000 alegacións que tivo inicialmente e duplicando os espazos libres e verdes até alcanzar 3,6 millóns de metros cadrados.

>PMUS. O primeiro plan de mobilidade urbana sustentable da cidade, aposta polo transporte público, polo uso da bicicleta e polo protagonismo do peón. “Se non o fixésemos, en 10 anos o coche roubaríanos 1 km2 da cidade”, asegurou o alcalde.

> Plan Coruña Futura. Un espazo para a reflexión e para marcar o rumbo da cidade, que pasará por:

* Aposta polo eixo industrial máis importante de Galicia formado pola Coruña, Arteixo, Laracha, Carballo. “Temos que seguir mellorando as súas infraestruturas tanto viarias como tecnolóxicas”, sinalou.

* Posicionamento no terreo das solucións urbanas no que se investirán nos próximos 30 anos 375 billóns de dólares.

* Apoio aos emprendedores e á creatividade. A través do proxecto do distrito creativo valórase o talento, a materia prima do século XXI.

* Aproveitar as oportunidades que a cidade ten en materia de turismo, sanidade, novas tecnoloxías ou na rehabilitación da cidade.

“Fai 40 meses asumimos un reto e imos seguir na mesma liña con máis ilusión, mesmo, que o primeiro día”, asegurou o alcalde, quen finalizou apoiando o papel das cidades no século XXI: “Cada vez confío máis nas cidades, lugares que naceron hai moitos séculos, nos que non hai tensión territorial, onde a xente vese, dialoga e crea. Lugares que apostan pola convivencia e que son o mellor futuro”.

17 de setembro de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.