Negreira define Coruña Smart City como un proxecto vangardista, participativo e sustentable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Negreira na visita á Carpa Smart City

Negreira na visita á Carpa Smart City

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado por representantes da UTE que desenvolve a plataforma de Coruña Smart City (Indra, R, Ilux e Altia), visitou esta mañá a carpa informativa Smart, que, desde hoxe e até o domingo estará a disposición dos cidadáns para que poidan coñecer o concepto Smart, a plataforma de Coruña Smart City e os diferentes proxectos piloto que se están desenvolvendo.

O obxectivo desta acción, que forma parte do plan de difusión Coruña Smart City, é achegar o proxecto aos cidadáns para que coñezan o seu estado e dimensión, os beneficios que achegará e para que sexan partícipes dunha iniciativa que cambiará o modelo de cidade: “Fai 50 anos inaugurouse oficialmente a refinaría e puxemos o alicerce dun importante motor de emprego e futuro da cidade. Hoxe difundimos este proxecto, Coruña Smart City, un dos pioneiros en España- o único que conta cunha subvención de máis de once millóns da UE- que nos coloca á vangarda das novas tecnoloxías, que son sinónimo de futuro, emprego de calidade e estable e que supoñen unha oportunidade para que as empresas da Coruña e comarca sigan sendo punteiras e un referente”, subliñou o alcalde.

A carpa, que terá un horario de 10.30 a 21.00 horas, ofrece un percorrido duns 15 minutos no que, a través de 6 pantallas, os cidadáns poderanse familiarizar co proxecto.

1ª pantalla: Móstrase un menú interactivo para acceder a dous vídeos introductorios:

-Vídeo 1: Que é unha Smart City?

– Vídeo 2 Que é Coruña Smart City?

2ª pantalla: “o cerebro da cidade”.

– Nesta pantalla estará conectado o visualizador da Plataforma de CSC “eVidens”, no que se pode ver a cidade en 3D en tempo real, cos datos actualmente conectados como: autobuses, estacións de meteoroloxía, cámaras de tráfico, redes sociais, etc.

3ª pantalla: Áreas e servizos que conecta Coruña Smart City.

– Hai unha mesa co logotipo de CSC e ao redor varios obxectos que haberá que deslizar para “polos en funcionamento”. Encima da mesa haberá unha pantalla.

– Cada obxecto representa unha área na que traballa CSC. Por exemplo haberá unha “regadera” que ao deslizala cara ao logo de CSC, activará a pantalla e mostrarase a información referente aos proxectos smart de Auga. Outro exemplo é un “bus de xoguete”, ao deslizalo cara ao logo de CSC activará na pantalla a información referente aos proxectos de mobilidade, e así coas 8 áreas que actualmente conecta CSC: Auga, Educación, Enerxía, Medio Ambiente, Mobilidade, Lecer e Turismo, Servizos, Vivenda.

4ª pantalla: “Unha cidade intelixente que fará máis fácil a vida de todos”

– Nesta pantalla móstranse os vídeos das historias smart, historias de 5 personaxes que gozan dunha vida mellor grazas a Coruña Smart City.

5ª pantalla: “Percorridos virtuais”

– Nesta pantalla pódese visitar virtualmente o Palacio de María Pita e as instalacións da ETAP da Telva.

6ª pantalla: Información completa sobre CSC.

– Nesta pantalla pódese ver a presentación corporativa e máis completa sobre o proxecto, con información relevante desde os seus inicios, o estado actual e os proxectos piloto.

Á beira de cada pantalla haberá un código QR para descargar a información relacionada ou acceder aos sites onde se atopa aloxada.

Carlos Negreira destacou que a Plataforma Coruña Smart City é o feito diferencial con respecto a outros proxectos que se están desenvolvendo noutros lugares xa que é capaz de integrar todos os datos procedentes de diferentes fontes da cidade, procesalos e convertelos en información útil; e lembrou que 10 dos 14 proxectos piloto xa están adxudicados, mentres que dos catro restantes, dous están a piques de adxudicarse e outros dous sairán proximamente a licitación co obxecto de que estean a disposición dos cidadáns entre finais de ano e principios de 2015. Por todo isto, Coruña Smart City está a obter recoñecemento internacional con numerosos premios tanto en España como en Europa: “Indica a confianza das institucións nun proxecto que é referencia para España e Europa”, finalizou.

11 de setembro de 2014 | 16:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.