Negreira asina cos Amigos da Ópera o convenio para colaborar na Tempada Lírica da Coruña

Carlos Negreira na sinatura do convenio
O alcalde da Coruña e presidente da Fundación Emalcsa, Carlos Negreira, e a presidenta de Amigos da Ópera, Natalia Lamas, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento da Tempada Lírica 2014-2015. O acordo estipula, entre outros compromisos mutuos, unha achega económica de 80.000 euros por parte da Fundación Emalcsa para o desenvolvemento desta actividade, que nesta nova tempada homenaxea ao barítono Antonio Campou e evoca o pasado musical da cidade no século XIX.
A nova Tempada Lírica da Coruña recolle a testemuña do histórico Festival de Ópera da Coruña e do Festival Mozart. Responde a unha demanda histórica e permite ofrecer, durante un período de tempo agora máis longo, desde hoxe, xoves 4 de setembro, até xuño, unha programación lírica estable, espaciada en varios ciclos. Baixo a organización de Amigos da Ópera da Coruña e o Consorcio para a Promoción da Música, e coa dirección artística de César Wonenburger, a nova tempada ofrece cinco óperas, tres galas líricas, o Ciclo de Grandes Cantantes e un proxecto didáctico no que a figura principal será Alberto Zedda, que agora traslada á cidade da Coruña o seu curso de interpretación vocal.
A programación oriéntase en tres bloques (outono/inverno/verán) e arrinca hoxe, xoves 4 de setembro, coa Traviata de Verdi, nunha nova produción de Amigos da Ópera que rende homenaxe a Il Gatopardo de Visconti, con dirección escénica de Mario Pontiggia e musical de Ramón Tébar, titular da Florida Grand Opera de Miami. Os intérpretes principais son a soprano Elena Mosuc e o tenor Celso Albelo, e o barítono Leo Nucci, que regresa á primeira cidade española onde cantou ao iniciar a súa extraordinaria carreira profesional, e onde nos últimos anos protagonizou enormes éxitos con Rigoletto e Nabucco.
O próximo 14 de setembro haberá ademais a Gala Strauss, coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) baixo a batuta de Günter Neuhold, e unha ampla selección de fragmentos de óperas como Elektra, Salomé, O cabaleiro da rosa e Ariadna en Naxos, asignados a catro voces femininas: a soprano Lise Lindstrom, que xa cegou na Coruña con Turandot; a mezzo Daniela Sindram, que debuta; e as sopranos María José Moreno e Mercedes Arcuri.
O día 19 deste mes, a Tempada Lírica acollerá unha homenaxe á zarzuela con catro das mellores voces españolas do momento: Ainhoa Arteta, Premio Lírico á mellor cantante de zarzuela este mesmo ano; a mezzo Ana Ibarra; o tenor Antonio Gandía e o barítono coruñés Borja Quiza, tamén Premio Lírico ao mellor cantante de zarzuela nunha das primeiras convocatorias destes importantes galardóns. Unha batuta curtida nestas lides, como Enrique García Asensio, dirixe a OSG.
Neste primeiro tramo da tempada, iniciarase ademais una das iniciativas estelares do Programa Didáctico da Tempada, coa posta en marcha, do 25 de setembro ao 11 de outubro, do Curso de Interpretación Vocal que impartirá Alberto Zedda. Xa en novembro comezará o Ciclo de Grandes Voces, coa visita de Philippe Jaroussky, ás que sumarán máis adiante as de Bryn Terfel (coa Sinfónica de Galicia nun programa Mozart, Verdi e Wagner), Natalie Dessay e Renè Pape en senllas liederabend, Leo Nucci e Matthias Goerne.
Noutro ciclo, titulado Outras voces, outros ámbitos, terán cabida propostas que se salen en grao sumo común, e na que se poderán apreciar a sobresaíntes artistas vocais abordando xéneros como o da chanson, o musical ou a música folclórica: Carmen Romeu, Francisco Corujo ou o inclasificable Pino de Vittorio.
O desenvolvemento da tempada ao longo do ano permitirá ofrecer catro títulos líricos máis, con propostas que van desde o barroco (A Fida Ninfa), o Mozart máis popular (A Frauta Máxica), un Rossini case inédito en España como Ermione, ou a recuperación dun dos títulos menos frecuentes pero máis interesantes do primeiro Verdi, o Attila. Con reparticións que inclúen a algúns dos principais cantantes de hoxe españois e estranxeiros (Juan Jesús Rodríguez, Celso Albelo, María José Moreno, Leo Nucci, Carlos Mena, Desiree Rancatore ou Fabio Sartori), batutas de prestixio (Ramón Tébar, Keri Lynn Wilson, Alberto Zedda e Josep Pons) e aclamadas propostas escénicas (A Frauta Máxica de Els Comediants).
O novo proxecto, que se realiza cun descenso do 40% no custo, incrementa a súa calidade. A historia da Coruña está unida á música e á ópera, como é o caso do barítono Antonio Campou, cuxas virtudes como intérprete puideron ser recoñecidas polo propio Pablo Picasso cando cantou a ópera de Mozart no soado Festival de Aix-en-Provence, na Provenza francesa en 1956. Campou fixara a súa residencia na Coruña, a cidade na que Picasso tamén deu os seus primeiros pasos na arte. A partir de aí estableceuse unha complicidade absoluta entre o barítono e o pintor.
Próximo a cumprirse o 120 aniversario da primeira exposición de Picasso na cidade, a Tempada Lírica coruñesa súmase a esta conmemoración. Así, a tempada iniciouse precisamente coa Traviata -unha das óperas que Picasso puido gozar na Coruña- e péchase en 2015 coa Frauta Máxica de Mozart, dedicada precisamente a Antonio Campou.











