publicidade hoxe

Negreira anuncia a remodelación integral da praza do mercado municipal de Monte Alto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta mañá o novo proxecto enmarcado dentro do plan de urbanización e mellora de espazos públicos da cidade. En concreto, anunciou a renovación da praza do mercado municipal de Monte Alto e das rúas situadas na contorna desta mazá. O Goberno local, a través da Concellaría de Infraestruturas, investirá 1,2 millóns de euros nesta obra, que se executará en 2015.

Tras reunirse as concelleiras de Barrio e a área de Infraestruturas con veciños, comerciantes e placeiros de Monte Alto, o alcalde coruñés informou deste novo proxecto, que se executará en dúas fases:

– Na primeira fase, inclúese a reurbanización das rúas Conto, Forcarey e Joaquín González. O alcalde asegurou que esta obra, orzada en 483.852 euros e un prazo de execución máximo de 8 meses, licitarase no mes de outubro. Os traballos permitirán emendar as deficiencias existentes nestas tres vías que rodean a praza; favorecer a mobilidade peonil na zona, así como o acceso ao aparcadoiro, o mercado e a escola infantil; instalar rede separativa de saneamento e canalizacións de iluminación e telecomunicacións das que carecía; e recoller augas pluviais procedentes dos baixantes dos edificios e instalar unha nova rede de sumidoiros.

– Na segunda fase, acometerase a remodelación da praza situada en superficie sobre o mercado municipal de Monte Alto. Neste caso, as obras licitaranse a finais de ano cun orzamento de 715.293 euros e un prazo de execución de 4 meses. O alcalde explicou que o Concello busca modernizar a praza para convertela nun espazo público máis amable que permita recuperar o seu “papel central” e como “punto de encontro e convivencia” no barrio. Ademais, instalarase unha zona de xogos infantís e outra máis estática e acubillada grazas a unha marquesiña que protexa do sol e da choiva.

O alcalde destacou que este proxecto se desenvolverá en dúas fases porque a “remodelación integral” da praza do mercado municipal de Monte Alto é conveniente executala nos meses de verán -por iso é polo que se licitará a finais de 2014- para evitar filtracións de auga ao propio mercado e porque permitirá executar as obras a un ritmo compasado para terminalas no terceiro trimestre de 2015 -a urbanización das rúas levará un máximo de 8 meses, e prevese que a reforma da praza leve a metade de tempo-.

“Este proxecto atópase dentro do noso obxectivo de mellorar os espazos públicos, para os que este ano destinamos 23 millóns de euros no orzamento. Queremos buscar equilibrio entre os barrios, ofrecendo unha imaxe estética e de calidade en todas as zonas da cidade, é dicir, dar prioridade ás persoas e máis e mellor calidade de vida nos espazos públicos”, afirmou Carlos Negreira, quen lembrou outros proxectos importantes que programou o Concello para Monte Alto, como a reforma da rúa Adelaida Muro -o proxecto está en fase de valoración de ofertas, polo que en breve empezarase a obra- e o plan para elaborar un estudo para a reordenación de Monte Alto para mellorar a mobilidade no barrio e co resto da cidade, para crear máis zonas verdes e para localizar os mellores lugares para implantar novos equipamentos municipais.

29 de setembro de 2014 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.