Negreira anuncia a incorporación de espazos urbanos do Porto á xestión municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, anunciou esta mañá que o Concello da Coruña incorporará, proximamente, varios espazos urbanos do Porto á xestión municipal co obxectivo de dotalos de maior calidade para o goce de veciños e visitantes: “Agora temos un porto interior e outro exterior e os espazos redefínense, queremos modernizalos e dotalos de calidade para un uso cidadán”, subliñou.

Neste sentido, lembrou que se trata da ampliación dun convenio asinado en 1997 co Porto e que, agora, faise imprescindible actualizar, debido aos cambios e á evolución que se produciu na cidade nos últimos anos. Deste xeito, o acordo afecta á esquina sur da Dársena de Oza –na que xa se anunciou un acordo para a recuperación tanto do faro como da contorna-, pero tamén outros espazos como o Dique de Abrigo, os espazos do exterior do porto entre o dique e a rotonda de San Diego ou a estrada que une o cruzamento coa avenida do Exército coa Dársena de Oza.

Carlos Negreira incidiu en que este tipo de acordos permitirán abrir aos coruñeses espazos que deixaron de ter sentido dentro da actividade portuaria. Neste sentido, lembrou o acordo anunciado esta semana para rehabilitar o faro de Oza e polo a disposición de todos os coruñeses con usos culturais ou escolares. Pero tamén explicou que, en virtude do convenio que se asinará, arrombarase a contorna do Dique de Abrigo e o concello farase cargo do servizo de limpeza, xestión de residuos ou mantemento de xardíns e mobiliario urbano. Ademais, avanzou que a Autoridade Portuaria realizará actuacións previas nestes espazos de mellora de pavimento, renovación de mobiliario urbano ou instalación de rede de saneamento. Co conxunto destas actuacións, preténdese seguir integrando a fachada marítima na cidade.

AXUSTES SINALIZACIÓN EN AC-12

Por outra banda, o alcalde avanzou que esta mesma noite procederase a axustar a sinalización horizontal na AC-12 á altura dos diferentes hospitais da zona. “Estivemos en contacto permanente con Demarcación de Estradas para trasladarlles as inquietudes e necesidades dos cidadáns e, deste xeito, analizar os axustes necesarios na sinalización viaria para poder compatibilizar a seguridade viaria coa fluidez do tráfico”, sinalou e lembrou que se trata dunha zona con moito movemento de tráfico e con importantes equipamento públicos.

O alcalde informou de que o Ministerio de Fomento trasladoulle que a sinalización non estaba finalizada polo que se traballou de forma coordinada entre ambas as administracións para rematar as melloras de sinalización co obxectivo de incrementar a seguridade viaria, atendendo ás necesidades de mobilidade. Desta forma, a partir das 22.30 horas desta noite, e tras a reunión que se manterá hoxe ás 13.30 horas, levarán a cabo os traballos necesarios que permitirán recuperar algúns dos movementos de tráfico que existían: “Trátase de conseguir algo intermedio entre o que había e o que hai e permitir trenzados e movementos entre carrís”, finalizou.

26 de setembro de 2014 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.