publicidade hoxe

Neda despedirá o verán co ReboNeda Day o próximo 27 de setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioNeda
A-
A+

Neda despedirá o verán ao grande, coa celebración do Reboneda Day. Unha cita que se desenvolverá durante a mañá, a tarde, a noite e a madrugada do día 27 cun único obxectivo: facer disfrutar a nenos, mozos e maiores dunha xornada única. As propostas para conseguilo son moitas. Dende un concurso de cata para afeccionados ata concertos tributo ás mellores bandas e formacións da historia do rock&roll, pasando polos xogos e actividades para os máis pequenos da casa ou multitudinarias degustacións gastronómicas. Unha festa con todos os ingredientes para pasalo ben nun entorno privilexiado como é o paseo marítimo de Neda.

As previsións meteorolóxicas vaticinan bo tempo, pero como nada no Reboneda Day está deixado ao azar, a organización anuncia que se habilitarán máis de 2.000 metros cadrados cubertos con haimas e carpas. Espazo accesible para persoas con diversidade funcional, con servizos de todo tipo como estacionamento e aseos adaptados. A organización corre por conta do Concello de Neda, namentras que o grupo Reboreda Morgadío patrocina o evento, que tamén conta coa colaboración de firmas comerciais como a taberna O Carreiro e La Sidrería de Ferrol.

O alcalde, Ignacio Cabezón; os concelleiros de Turismo, Montse Rico, e Xuventude, Roberto Rey, así como o director comercial de Reboreda Morgadío, Jacob Sanjurjo, presentaron esta mañá a cita na Casa das Palmeiras. Cronoloxicamente, a xornada arrancará ás 12 horas cun concurso de cata non profesional e por parellas. Así, a participación é libre e, no mesmo, deberán identificar os caldos máis ácedos, doces ou alcohólicos. Aqueles que pasen a primeira ronda disputarán a gran final e, os gañadores, recibirán fantásticos premios como estancias de fin de semana, xornadas de enoturismo, lotes de viño e licores, camisetas, gorras… Ás 13 horas, sesión vermouth amenizada por Chevalier e Los Zares, así como degustación gastronómicas e servizo de comida con prezos populares a cargo da Pulpería Loureiro. A partires das 16,30 horas e durante toda a tarde, tempo para o ocio infantil. Baixo carpa como todas as actividades, monitores especializados guiarán diferentes actividades para disfrute dos menores, así como xogos populares, os tradicionais de toda a vida. En paralelo, comezará a preparación das deceas de cochinillos e cordeiros que se servirán a partires das 21 horas na Gran espetada con música e festa.

A prezos populares, hai dúas opcións para apuntarse: a entrada individual (a 15 euros inclúe empanada, cochinillo, cordeiro ao espeto, viño e pan, así como unha entrada para os concertos posteriores con dereito a unha consumición) e especial grupos (a 120 euros resérvase unha mesa para un máximo de dez comensais, que recibirán dúas empanadas, 1/4 de cochinillo, 1/4 de cordeiro ao espeto, viño e pan, así como dez entradas para os concertos con dereito a dez consumicións). As entradas, iso si, son exclusivamente con venda anticipada e, a data límite, será o día 24.

Onde? On line no enderezo www.tienda.gruporeboredamorgadio.com/es/ e presencialmente no Concello de Neda; La Sidrería Ferrol; Pulpería la Isla (Mugardos), Casa Ardá (Limodre-Fene); O son de cociña (Perlío); Bar Futbolín (Pontedeume); Taberna O Carreiro (Neda) e estancos do Alto e A Gándara (Narón). A partires das 22,30 horas, abriránse as portas da macro zona de concertos e, dende as 23 horas, comezará a soar o mellor rock cos mellores grupos da comarca. Subiránse ao escenario Debosses, co seu tributo a Bruce Springsteen; Riff Raff (AC/DC); Frik&Paldis (Fito y Fitipaldis); Padel Rock (o mellor do pop español dos 80); The Reboredas Band (os clásicos de sempre) e Ghost in the Machine (The Police).

Preto de seis horas ininterrumpidas do mellor rock e pop nacional e internacional á beira do río Xuvia. As entradas, con dereito a consumición, custan cinco euros (anticipada, e ata o 26 de setembro) ou dez euros (en taquilla). O Raboneda Day, a mellor festa, con todo e para todos, o 27 de setembro, no paseo marítimo de Neda.

15 de setembro de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.