Neda abre o prazo para pedir cita nos servizos gratuítos de podoloxía e fisioterapia
O Concello de Neda anunciou esta mañá que, a partir do próximo luns, 15 de setembro, abrirá o prazo para solicitar cita nos servizos municipais de podoloxía e fisioterapia. Servizos que forman parte dun ambicioso programa en materia sociosanitaria para mellorar a calidade de vida das persoas maiores da real vila. O goberno local que preside Ignacio Cabezón poñía en marcha as sesións de podoloxía en 2007 e, un ano despois, iniciábanse as de fisioterapia. Unhas e outras pioneiras na comarca e con custe cero, ao financiarse ao 100% con fondos municipais. Ambos programas están dirixidos a homes e mulleres maiores de 65 anos pensionistas e personas con minusvalía.
Os veciños interesados en participar neles poden solicitar a súa cita na Oficina de Servizos Sociais (planta baixa da casa consistorial) luns, martes, xoves e venres (de 9 a 13,30 horas). As sesións realizaránse no Centro Cívico Ramón Millarengo. No caso do servizo de podoloxía, os tratamentos son variados. Dende unha limpeza a unha atención máis específica. E, nunha porcentaxe moi importante, os usuarios padecen diabetes, unha doenza que afecta especialmente aos pés. Os beneficiarios soen recibir dúas ou tres sesións ao ano e o servizo préstase en horario de tarde. En canto a fisioterapia, os solicitantes deben acreditar tamén a correspondente recomendación médica para acceder ao servizo, que se presta en horario de mañá e, normalmente, en días alternos. Nun e noutro caso, os solicitantes deben presentar o volante anterior (se xa se beneficiaron de sesións anteriores).











