Nava Castro visita as labores de acondicionamento na ruta Fisterra-Muxía en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Nava Castro na visita á ruta Fisterra-Muxía. Foto: C. Paz

Nava Castro na visita á ruta Fisterra-Muxía. Foto: C. Paz

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou esta mañá as obras de acondicionamento que se están a acometer no Camiño da Ruta Fisterra-Muxía, no tramo que vai desde Sarela de Abaixo ata Moas de Abaixo.

Acompañada polo alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, Nava Castro explicou que a Ruta Fisterra-Muxía ten unha simboloxía especial pois é a única que ten a súa orixe na cidade de Santiago e percorre o camiño ata a punta occidental da Europa Continental. “Este Camiño é un elemento que mostra a nosa cultura e natureza a todos aqueles peregrinos procedentes de diferentes lugares do mundo. É unha ruta captadora de turismo internacional que posiciona Galicia como marca e como destino diferencial”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.

A administración autonómica está a realizar grandes esforzos en conservar e protexer as Rutas Xacobeas realizando labores continuos de mantemento, medidas correctoras e acondicionamento dos tramos do Camiño. No pasado ano 2013, foron realizadas intervencións urxentes na Ruta Fisterra-Muxía por un importe superior aos 100.000 euros en diversos tramos dos concellos de Santiago, Negreira, Dumbría e, no tramo entre Fisterra e Muxía, en torno ao núcleo de Canosa e desde Buxán a San Salvador. Así mesmo, neste mesmo camiño, no 2014, redactáronse valoracións para reparación de tramos por valor superior aos 300.000 euros nos concellos de Santiago, Ames, Negreira, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión e Muxía.

No seu percorrido por la zona, Nava Castro sinalou que as obras de acondicionamento que se están a realizar adáptanse completamente as peculiaridades do terreo. Así, explicou, “nestas obras respectase en todo momento o ancho do camiño así como os valos tradicionais. Ademais mantense a coherencia coas obras realizadas anteriormente, procurando sempre o menor impacto visual posible”.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago de Compostela agradeceu o traballo de Turismo de Galicia, coa licitación do Plan Director dos Camiños de Santiago, que servirán de folla de ruta e marcará a pauta a seguir en todos os eidos: medioambiental, patrimonial, promocional…

Así mesmo, Agustín Hernández, sinalou que “o Camiño é a marca máis potente que hoxe en día ten Galicia e a súa incidencia no noso Concello é fundamental”.

O obxectivo destas obras é facer un Camiño completamente transitable coa corrección das incidencias producidas principalmente pola acción da auga e polo uso dos camiños de maquinaria pesada.

Esta Ruta Fisterra-Muxía está cada vez máis demandada e ano tras ano increméntanse os peregrinos que se deciden por este Camiño. No que vai ano dita Ruta cara a Santiago foi realizada por un 41,7% máis que o pasado ano.

25 de setembro de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.