Monforte programa visitas á xudaría na XV Xornada Europea da Cultura Xudía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

Monforte de Lemos pertence, xunto con outras 23 poboacións de España, á Asociación “Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad”. A inclusión da cidade na citada asociación representa un recoñecemento ó seu rico pasado medieval e en particular á forte pegada hebrea no mesmo. O concello de Monforte de Lemos considera moi importante o feito de pertencer a esta asociación polas posibilidades que permite de divulgación do patrimonio histórico e artístico da cidade.

Co contexto sinalado relaciónanse unha serie de actividades que se desenvolven anualmente destacando, ó igual que noutras poboacións pertencentes á “Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad”, as relacionadas coa Xornada Europea da Cultura Xudía que o domingo 14 de setembro celebra a súa XV edición dedicada ás “Mulleres no xudaísmo” 

O concello de Monforte programa para esta Xornada tres visitas comentadas á zona de ámbito xudeu da nosa cidade, con saída dende a Oficina Municipal de Turismo, na rúa Comercio 6, ás 11:30, 17:30 e 19:00 h. As visitas  correrán a cargo do investigador monfortino D. Felipe Aira, sendo estas gratuítas e cunha duración de hora e media.

A Xornada Europea da Cultura Xudía terá lugar simultaneamente en máis de 25 países de toda Europa.

Trátase dunha xornada de portas abertas con actividades para todos os gustos e idades: visitas guiadas a cascos antigos, museos, centros de interpretación e sinagogas, conferencias, exposicións, concertos, obradoiros, etc. un amplo abano de manifestacións cun obxectivo común: achegar a herdanza cultural da tradición xudía en Europa a tódolos públicos.

A Xornada está organizada a nivel europeo pola AEPJ “Asociación Europea para la Preservación del Patrimonio Judío” co apoio do “Consejo de Europa edo Instituto Europeo de Itinerarios Culturales”.  Cada país conta cunha coordinación propia, que no caso de España recae na “Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad”.

8 de setembro de 2014 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.