Monforte oferta un amplo e diverso programa de actividades socioculturais e de envellecemento activo
A concellería de Benestar Social do concello de Monforte, contando co financiamento da Vicepresidencia primeira da Deputación Provincial de Lugo, dá continuidade ao amplo programa de actividades socioculturais e de envellecemento activo.
No marco das intervencións dirixidas ás persoas maiores, o Concello pretende dar continuidade as actividades que atinxen a un diverso campo de actuación, dende o exercicio físico ata a saúde psicosocial, pasando polo ocio e as novas tecnoloxías.
A programación destas actividades vai dirixida ó colectivo de persoas maiores de 60 anos e ten un obxectivo fundamental: favorecer o envellecemento activo.
As actividades levaranse a cabo durante os meses de setembro, outubro, novembro e decembro e terán carácter gratuíto.
Os únicos requisitos para poder participar son:
-Ser maior de 60 anos.
-Estar empadroado no concello de Monforte.
-Non padecer doenza ou enfermidade que puidese provocarlle riscos para a saúde no desenvolvemento de actividades físicas.
As inscricións para formar parte nas actividades socioculturais e de envellecemento activo deberán realizarse no Rexistro do Concello entre os días 4, 5, 8 e 9 de setembro en horario de 9:00 a 14:00 horas. Esta solicitude supón a aceptación de todos os criterios de participación, así como seguir as directrices e instrucións que se indiquen tanto dende os Servizos Sociais Comunitarios como por parte dos/das monitores/as responsables das actividades.
As persoas interesadas poderán solicitar a participación nun máximo de tres actividades, adxudicándose as prazas por rigorosa orde de rexistro de entrada das solicitudes e sempre que existan prazas suficientes. Prevalecerá a primeira das opcións seleccionadas, e concederase a segunda e a terceira actividade solicitada unicamente no caso de que as persoas que sinalaran estas actividades como opción preferencial non cubran a totalidade das prazas dispoñibles nas mesmas.
As persoas que presenten solicitudes e non obteñan praza pasarán a formar parte da lista de espera, obtendo praza no caso de producirse alguna baixa e sempre por rigorosa orde de solicitude.
A listaxe de persoas admitidas publicarase o día 12 de setembro na páxina web do concello de Monforte, no taboleiro de anuncios dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos e no tabolerio de anuncios do Concello.
No caso de que a persoa que participe nalgunha das actividades acumule tres faltas sen xustificar, producirase a súa baixa e perda de dereitos, ocupando a súa praza outra persoa que figure na lista de espera.
O listado de actividades ofertadas inclúe a continuidade de xerontoximnasia, cerámica, ximnasia acuática, memoria, risoterapia, bailes de salón, relaxación e benestar, teatro e novas tecnoloxías, ampliando tres actividades máis na oferta que son inglés, fotografía e pintura.
O Concello resérvase o dereito a modificar, ampliar ou suspender calquera das actividades segundo o número de persoas inscritas ó comezo da mesma.
En documento adxunto figura a listaxe de actividades con toda a información relativa ás mesmas: data de inicio, número de prazas, días, horario e lugar de celebración e duración de cada unha delas.
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ós Servizos Sociais Comunitarios Básicos, no edificio da Praza de Abastos, Rúa Ricardo Quiroga s/n, teléfono 982 41 65 41, ou consultar a páxina web do concello www.monfortedelemos.es











