Móllate polos ríos retira arredor de 150 quilos de refugallos do río Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

23 persoas acudiron ao chamamento do Concello de San Sadurniño e do Proxecto Ríos para participar na VII Limpeza simultanea de ríos que se desenvolveu este domingo en distintos puntos de Galicia. En San Sadurniño os labores centráronse nun tramo comprendido entre a área recreativa do Pozo de Lamas -Igrexafeita- e a ponte da Pedreira, en Naraío. Estímase que os voluntarios e voluntarias conseguiron sacar do río e da ribeira entre 100 e 150 quilos de refugallos.

Na recollida participaron persoas voluntarias que se empregaron a fondo para deixar o río o máis limpo posible nunha zona do curso alto do Castro. Foi unha mañá de duro traballo, pero tamén unha boa ocasión para percorrer parte dun dos sendeiros ambientais máis importantes que hai en San Sadurniño.

Plásticos, botellas ou ferralla ocuparon a mañá de quen participaron nunha nova edición da campaña Móllate polos Ríos, convocada pola asociación ambiental ADEGA e o Concello dentro do Proxecto Ríos. Tal e como sinala a web do proxecto, desde hai anos ninguén ve os ríos como un vertedoiro, pero aínda quedan neles moitas cousas que non debería haber. Nuns casos son refugallos perigosos e cun alto potencial contaminante -pilas, envases de fitosanitarios, chatarra- e noutros trátase de materiais que producen un impacto visual importante ou que son un obstáculo para o desenvolvemento da fauna e da flora.

ADEGA leva promovendo as limpezas simultáneas desde o ano 2008, sempre cadrando cos paróns biolóxicos do outono e o inverno. Ademais de limpar tramos de ríos en varios concellos galegos, a xornada busca concienciar a nenos e grandes sobre a importancia de preservar en boas condicións os ecosistemas fluviais.

San Sadurniño participa neste programa ambiental case desde os seus inicios. Esta é a segunda vez en que se lle dá un repaso a un tramo do Castro nos últimos anos. Xa en 2012 conseguiran sacarse doutro anaco de río uns 150 quilos de refugallos. En 2013 a limpeza centrouse no rego da Bañoca, en Bardaos, e cun saldo próximo aos 200 quilos.

 

29 de setembro de 2014 | 12:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.