Medio Ambiente finalizará en novembro as obras de mellora na ponte do Burgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCambreLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas finalizará as obras de mellora da seguridade viaria da Ponte do Burgo no vindeiro mes de novembro. Así o adiantou hoxe a conselleira Ethel Vázquez na súa visita a estas actuacións, onde tamén estiveron o alcalde de Cambre, Manuel Rivas, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), achega un investimento económico de máis de 420.000 eurospara levar a cabo estes traballos, que se atopan actualmente ao 40 % da súa execución total.

Ethel Vázquez visitou estas actuacións no día no que comezaron os traballos para a retirada da emblemática escultura do paraugas situada na ponte. A conselleira de Medio Ambiente indicou que “a Xunta de Galicia é consciente da transcendencia que para os veciños de Cambre e de Culleredo ten este feito e podo garantir que nun prazo de 10 días a ponte recuperará a súa escultura”.

A nova figura será unha réplica da orixinal, cuxo mal estado estrutural impide o seu traslado, segundo Patrimonio, e presidirá a nova rotonda da ponte do Burgo, contribuíndo tamén á reordenación do tráfico.

Este proxecto de mellora da seguridade viaria na ponte do Burgo, que beneficiará a preto de 86.000 veciños dos concellos de Cambre, Culleredo e Oleiros, supón a execución dunha nova glorieta, un carril adicional para aumentar a súa capacidade e a rehabilitación do firme desta zona.

A titular de Infraestruturas explicou que “con estes traballos reordenamos e melloramos a circulación do tráfico para unha estrada cunha elevada intensidade de tráfico, uns 20.000 vehículos diarios”. Isto fará posible, así mesmo, eliminar as retencións e os atascos que se viñan rexistrando neste punto.

A nova glorieta contará con 16,5 metros de radio na intersección do Paraugas, na que conflúen as estradas San Pedro-A Pasaxe (AC-211), no PK 0+650, e O Temple-Cambre (DP-1706).

A ponte incrementará a súa capacidade mediante a disposición de tres carrís e realizarase unha reordenación do itinerario peonil coa construción dunha beirarrúa de 2,5 metros de ancho pola parte exterior da infraestrutura, que permita o tráfico peonil pola marxe dereita. A beirarrúa esquerda elimínase xa que ese itinerario pode realizarse pola ponte vella do Burgo, de uso exclusivo para peóns.

Cómpre lembrar que a senda peonil, que dá continuidade ao paseo litoral, abriuse ao tráfico peonil no mes de xullo, a solicitude dos Concellos de Cambre e Culleredo, para facilitar a circulación nas festas. Unicamente resta por colocar o peitoril definitivo da rampla de acceso e os peitorís definitivos na ponte.

Outros investimentos

Por outra parte, Ethel Vázquez destacou “a aposta da Consellería de Medio Ambiente por esta comarca e en concreto polo concello de Cambre”, que se beneficia de importantes actuacións postas en marcha nos últimos anos. Así, puxo como exemplos desta achega económica a posta en marcha do Transporte Metropolitano da Coruña, a EDAR de Bens, ou a posta en servizo de varios tramos da Vía Ártabra, concretando que o enlace coa a AP-9 segue avanzando na súa tramitación e xa está en fase de redacción o proxecto”.

Vázquez engadiu que “tamén seguimos traballando na mellora do saneamento na ría do Burgo, cun plan integral en colaboración co Ministerio que contempla un investimento autonómico de arredor de 10 millóns de euros para facer posible a mellora do funcionamento dos bombeos do Temple (Cambre) e de Santa Cruz (Oleiros), que se licitarán en 2015.

15 de setembro de 2014 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.