Medio Ambiente colabora na mellora do saneamento na parroquia de Fontao en Vila de Cruces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVila de Cruces
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas colaborará co Concello de Vila de Cruces na mellora do saneamento nos lugares de Vilar e Salgueiros, na parroquia de Fontao. O importe desta colaboración ascende a máis de 65.000 euros.

Augas de Galicia e o municipio pontevedrés articulan esta colaboración despois da petición da asociación veciñal de Santiago de Fontao, para que se ampliase a rede de sumidoiros existentes nos núcleos de Vilar e Salgueiros. O obxectivo é permitir a evacuación das augas residuais procedentes das vivendas, posto que, na actualidade, non dispoñen de redes de sumidoiros, permitindo así a eliminación de pozos negros e fosas sépticas de cada vivenda, evitando a posibilidade de focos de contaminación ambiental.

Obras a realizar

A finalidade das actuacións proxectadas será a de construír unha rede de saneamento interior, de tal xeito, que as parcelas e vivendas dispoñan dunha rede que lles permita conectarse ao sistema xeral.

Trátase dunha obra clave na protección do medio ambiente e prevención da contaminación, xa que se eliminan os impactos negativos das augas residuais no medio rural, nas súas vertentes do solo, subsolo e augas superficiais e/ou soterradas.

Por outro lado, levarase a cabo a mellora da canalización do regato de Penela en Oirós, xa que por mor das intensas choivas do último inverno a canalización atópase en mal estado, polo que é necesario a ampliación da sección para evitar futuros desbordamentos e mellorar o estado actual da mesma.

25 de setembro de 2014 | 11:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.