publicidade hoxe

Medio Ambiente achega 210.000 euros para a execución do saneamento de Sardiñeiro en Fisterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFisterra
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o acordo polo que se autoriza a colaboración técnico-financeira entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Fisterra para a execución da rede separativa no Sardiñeiro.

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, destina un importe de 210.650 euros para a execución destas obras hidráulicas.

O núcleo de Sardiñeiro de Abaixo ten unha rede de saneamento separativa, pero os colectores atópanse moi deteriorados debido á súa antigüidade e presentan filtracións. Existen outras zonas nas que existe un saneamento unitario que está conectado á parte máis baixa do colector e en épocas de chuvias prodúcese unha achega inaceptable de augas limpas á rede, o que provoca o gasto excesivo de enerxía da EDAR.

Co fin de repoñer as deficiencias existentes na rede de saneamento proxéctase a execución de 7 colectores cunha lonxitude total de 858,40 metros. O colector 1 e 1.1, cunha lonxitude de 112,80 metros e 44,8 metros respectivamente, corresponden ao tramo que se executará no parque infantil do Sardiñeiro de Abaixo e proponse a restitución dos existentes por atoparse deteriorados.

O tramo correspondente ao colector 2 terá unha lonxitude de 205,47 metros e executarase na beirarrúa da AC-445, substituíndo o existente, que tamén se atopa moi deteriorado. Cos colectores 3 e 3.1 executarase unha rede separativa de augas fecais e pluviais. Proxéctase a execución de dous colectores que recollerán as augas fecais das edificacións e deixaranse os existentes como rede de pluviais. O colector 4 colocarase na marxe dun vieiro municipal e substituirá ao existente que se atopa en mal estado.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas colabora neste tipo de obras co fin de resolver carencias nas infraestruturas dos concellos galegos. Neste caso a Xunta dota este municipio das infraestruturas hidráulicas necesarias para o seu desenvolvemento económico e social.

25 de setembro de 2014 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.