publicidade hoxe

Maxia, monólogos e formación entre as propostas da área de Cultura de Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

O Concello de Carral, dende o departamento de Cultura informa sobre as vindeiras actividades e espectáculos programandos na localidade.

MARTÍN CAMIÑA PRESENTA HOXE O SEU ESPECTÁCULO DE MAXIA “ENCANTAMENTOS DE RÚA”

O ilusionista galego Martín Camiña ofrecerá o seu espectáculo “Encantamentos de rúa” hoxe ás 21:30 h, no Campo da Feira.

Esta actuación está organizada pola Concellería de Cultura, coa participación da Xunta de Galicia, e incluída no programa Cultura no Camiño. Ademais, é un dos espectáculos dos que se ofrecen na programación das Festas do Socorro.

“Encantamentos de rúa” é un espectáculo de maxia sobre un escenario móbil, con algúns dos mellores números de mentalismo, escapismo, xogos con panos, con moito humor e coa participación directa do público, para o que se habilitarán 200 asentos.

CULTURA ORGANIZA SESIÓNS INFORMATIVAS SOBRE A ORDENANZA MUNICIPAL DE ASOCIACIÓNS

Ante a nova normativa que regula a relación das entidades non lucrativas (asociacións de veciños, culturais, xuvenís, clubs deportivos, etc.), o Concello de Carral, a través da Concellería de Cultura e Participación Cidadá, organiza dúas sesións informativas para explicar as obrigas das asociacións.

As asociacións e clubs deportivos deberán inscribirse de novo  no Rexistro Municipal de Asociacións de Carral, co obxecto de actualizar a información que ten o Concello sobre o terceiro sector local. As entidades que non renoven o seus datos daranse de baixa deste rexistro.

As sesións terán lugar na Casa da Cultura, os días 16 e 17 de setembro ás 20:30 h. O encargado de explicar a nova regulación será o técnico municipal de Cultura, Carlos Lorenzo. Ademais de explicar a nova ordenanza, o relator explicará novas fórmulas para a xestión de subvencións, de captación de recursos económicos e os novos modelos de comunicación no sector das entidades sen ánimo de lucro.

As sesións están dirixidas a persoas que forman parte dos equipos directivos das entidades xa existentes ou que pretende formar unha nova asociación.

Aínda que non é obrigatorio, recoméndase que as persoas interesadas en asistir ás sesións informativas, se anoten na Casa da Cultura (tel. 981 672 580).

VENRES DE MONÓLOGO PRESENTA A LUIS ZAHERA, EVARISTO CALVO E PEDRO BRANDARIZ

A Concellería de Cultura do Concello de Carral presenta, dentro da súa programación de setembro, un novo ciclo que denomina “Venres de monólogo”. Neste ciclo terase ocasión de gozar das divertidas historias narradas polos galegos Luis Zahera, Evaristo Calvo e Pedro Brandaríz.

As sesións, con acceso de balde ata completar o aforo, terán lugar no Edificio Social Toñito Espiñeira de Carral, ás 21:00 h, coa seguinte programación:

– LUIS ZAHERA co monólogo Chungo: venres 12 de setembro

– PEDRO BRANDARIZ co monólogo Profundizando na Galicia Profunda: venres 19 de setembro

– EVARISTO CALVO co seu monólogo O turista madrileño: venres 26 de setembro

O primeiro espectáculo será o presentado polo actor Luis Zahera, que se fixo famoso polo seu papel de Petróleo na serie televisiva Mareas vivas. Á marxe disto, participou en moitas outras series e películas, ademais de numerosas obras de teatro e curtametraxes.

Aínda que a súa carreira se desenvolveu principalmente en Galicia, nos últimos anos deu o salto á ficción en series de ámbito estatal, con pequenas colaboracións en series como Hospital Central ou El Comisario . Máis recentemente participou en Motivos Personales e conseguiu un papel fixo en A tortas con la vida, serie dos creadores de Aquí no hay quien viva que non puido repetir o éxito desta. Posteriormente participou con papeis secundarios en La familia Mata ( 2007 – 2009 ) e a exitosa Sin tetas no hay paraíso ( 2008 ).

En cine destacan traballos coma O lapis do carpinteiro (baseada na novela homónima de Manuel Rivas e filmada en parte en Carral), O ano da carracha , Celda 211 ou Alatriste, entre outras moitas.

O CONCELLO DE CARRAL OFRECE A POSIBILIDADE DE COÑECER AS NOVAS FERRAMENTAS INFORMÁTICAS E WEB EN GALEGO

Os departamentos de Normalización Lingüística e Cultura do Concello de Carral organizan en dúas sesións unhas xornadas formativas sobre recursos web e informáticos en lingua galega.

As sesións, que terán lugar os días 16 e 17 de setembro na Casa da Cultura, en horario de 10:30 a 13:00 h, están dirixidas a persoas maiores de 16 anos que desexen mellorar no coñecemento das ferramentas actuais que permiten un mellor traballo en internet ou coas aplicacións informáticas máis útiles, coa particularidade de que permiten o seu uso en idioma galego.

Pódese participar cos equipos portátiles dos propios inscritos, facilitándoselles a conexión wifi necesaria, aínda que as sesións pódense seguir sen o uso destes dispositivos.

Esta actividade formativa é gratuíta e subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

As persoas participantes recibirán un certificado de asistencia.

5 de setembro de 2014 | 12:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.