publicidade hoxe

Maxia e diversión para os máis pequenos nas bibliotecas de Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

O Concello de Oleiros, a través da Rede municipal de bibliotecas organiza para a próxima semana unha interesante e completa oferta de actividades infantís que forma parte dos programas A hora do conto e Ler conta moito. A programación comezará o vindeiro 29 de setembro ás 18:30 horas na Biblioteca Pública Municipal Mª José Ruso de Dorneda, onde terá lugar unha actividade denominada “MáxicoSons: unha aventura entre libros” a cargo de Álvaro Muras, dirixida a nenas e nenos de 3 a 14 anos e participar nun espectáculo de maxia e música. Unha posta en escena onde a maxia e a música en forma de “MaxicoSons” se unen para facer unha aventura entre libros. Un músico e un mago promoven a lectura cun formato orixinal, interactivo e divertido.

O 30 de setembro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Pública Municipal Federico García Lorca de Montrove, realizarase a actividade denominada “Maxia cómica” a cargo da compañía Leo Leiño.Este espectáculo para nenos e nanas maiores de tres anos é unha divertida e sorprendente obra titulada Maxia cómica, no que contan unha historia que une os libros coa maxia.

O 30 de setembro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Pública Municipal Manuel María de Oleiros, realizarase a actividade de narración oral denominada “Pastoreando alegrías” a cargo da actriz Carmen Domech. Son unha serie de historias sen sentido que nos fan sorrir, e nos enchen de alegrías e de ganas de vivir. Está actividade dirixida a nenas e nenos de 3 a 10 anos.

O 1 de outubro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, levarase a cabo o contacontos titulado “Palma repalma” a cargo da compañía Pavís Pavós, dirixido a nenas e nenos de 1 a 4 anos. Trátase dun divertido contacontos nos que os máis pequenos poderán gozar coa fantasía e a imaxinación. Debido a que as prazas son limitadas, é imprescindible inscribirse nesta biblioteca ou chamar ao teléfono 981 626 338.

O 2 de outubro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Central Rialeda en Perillo, realizarase a actividade denominada “Maxia versus ciencia” a cargo da Compañía A Illa d@s nen@s. Nesta actividade, os nenos e as nenas maiores de 7 anos poderán participar nun proxecto no que gozarán da maxia ao tempo que realizan experimentos científicos, mesturando o coñecemento coa ilusión. Unha científica reta a un mago con experimentos sobre: cores, astronomía, matemáticas, etc. que o mago irá complementando cos seus xogos de maxia.

O 3 de outubro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Municipal Ánxel Fole de Nós, levarase a cabo a actividade de narración oral titulada “A orixe” a cargo da actriz Raquel Queizás, dirixida a nenas e nenos de 4 a 10 anos. Unha «exploradora» chega á biblioteca para compartir as narracións escoitadas nas súas expedicións polo mundo. Ante os nenos e as nenas dramatizará as lendas e os contos coa axuda de pequenos tesouros recollidos nas súas viaxes. Se desexas compartir as narracións escoitadas en distintas partes do mundo asiste a este contacontos.

26 de setembro de 2014 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.