Mariana, Juan e a súa cadela Ira regresan a casa tras 11.000 quilómetros en furgoneta por Europa promovendo o voluntariado

Mariana, Juan e Ira en Alemaña
Mariana Romero, Juan Cortés e a súa cadela, Ira, acaban de chegar a casa após unha viaxe que os levou pola Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Luxemburgo, Mónaco, Suíza e a propia España, nun percorrido de máis de once mil quilómetros e case dous meses de duración, nunha furgoneta do ano 86.
Durante o seu periplo tiveron ocasión de entrevistarse con voluntarias e voluntarios de sete proxectos diferentes, dedicados a causas tan diversas como a protección e coidado de mascotas abandonadas, a atención médica a colectivos vulnerables, a defensa das prostitutas e a erradicación da prostitución, o reparto de alimentos a familias desfavorecidas ou a comunicación social.
“Quizá o proxecto que máis nos chamou a atención foi o de Mouvement du Nid, dedicado a traballar a favor das prostitutas e contra a prostitución”, asevera Mariana, “porque, ademais de entrevistar a varias persoas voluntarias, tivemos ocasión de recoller o testemuño de dúas prostitutas”.
Unha aventura financiada con doazóns e ben documentada
A aventura comezaba en Madrid o pasado 1 de xullo, cos fondos que se reuniran a través dunha campaña de crowdfunding e cun blog, www.atripwithiira.com, a través do que se daba conta aos seus seguidores das evolucións da viaxe.
A parte documental correspondía a Mariana, fotógrafa e documentalista, encargada de tomar as instantáneas e filmar todas as entrevistas, que posteriormente se editaron para montar un total de tres documentais, dos que dous están pendentes de ser colgados no web nos próximos días.
Dificultades e facilidades nos diversos países á hora de viaxar cun can
Mariana e Juan quixeron aproveitar a súa aventura para comparar entre países o fácil ou difícil que resulta viaxar cun can.
Mariana afirma que percibiron diferenzas significativas nalgún caso. “En España e Francia non se permitía o acceso de cans ás praias e, non obstante, en Suíza non tivemos ningún problema á hora de acceder coa Ira aos lagos. Ademais, en Suiza sorprendeunos ver que se permitía a entrada de cans en supermercados e bares”.











