Mar Barcón presentará este mércores a súa candidatura ás primarias socialistas
A líder do PSOE na Coruña, Mar Barcón, presentará este mércores, día 17, a súa candidatura ás primarias socialistas para intentar concorrer como cabeza de cartel ás eleccións municipais.
Coincidindo coa celebración do Comité Federal do PSOE o pasado sábado, Barcón puxo data á presentación pública da súa candidatura, na que “exporá as liñas básicas do seu proxecto para a cidade”.
Ademais, a tamén voceira do PSOE na Casa do concello herculino subliñou que o seu é “un proxecto progresista, realista e realizable, no que as persoas volverán ser o primeiro”.
Con “ilusión” e “compromiso”, Barcón deixou claro que o seu obxectivo non é “gañar aos compañeiros (socialistas) que decidan presentarse ás primarias”, senón “derrotar ás políticas de dereitas” que “tanto dano están a facer aos coruñeses e á cidade”.
Polo momento, dous militantes da agrupación socialista coruñesa, Javier Ramírez e Ángel Garmendia, avanzaron a súa intención de concorrer a este proceso. Non obstante, a maioría interna da exdeputada autonómica quedou patente nas sucesivas asembleas.











