publicidade hoxe

Malla, oficios tradicionais e mostra de apeiros de labranza en Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLousame
A-
A+

Lousame viaxará ao pasado na tarde de mañá sábado 13 de setembro, con catro actividades gratuítas organizadas dentro de “Lousame Cultura Viva”, proxecto da Iniciativa Xove posto en marcha por un grupo de mozos e mozas do municipio en colaboración co Concello de Lousame. Entre as actividades previstas figuran unha representación dunha malla tradicional de centeo, unha recreación de oficios tradicionais e unha exposición de apeiros de labranza.

O grupo Flashback, composto por mozos e mozas de Lousame, comezará as súas actividades ás 17:00 horas na Eira de Alborés (Marracín) cunha representación dunha malla tradicional de centeo e un obradoiro de espantallos para rapaces e rapazas, que deberán traer das súas casas a roupa e o calzado para decorar os espantallos. Ás 18:30 horas, na Casa do Tarela (Maxide), abrirase unha exposición de apeiros de labranza e recrearanse distintos oficios tradicionais: zapateiro, canteiro, costureira, ferreiro…

A participación en calquera das actividades é totalmente de balde. Organizado polo grupo Flashback, conta coa colaboración do Concello de Lousame e o colectivo veciñal Abrañeira. Máis información en www.facebook.com/lousameculturaviva ou no teléfono 634 70 11 35.

Suspensión da andaina

Se as actividades de mañá sábado han ter lugar independentemente do tempo, pois hai alternativas para levalas a cabo baixo teito, as previsións de choivas para este domingo obrigaron ao grupo Flashback a volver a pospoñer a celebración da andaina “Camiño do mercado”, inicialmente prevista para o domingo 14 de setembro. Tras unha reunión celebrada esta mañá, os rapaces e rapazas de Lousame acordaron suspender a celebración da andaina, que queda posposta ata a primeira semana de outubro, sempre dependendo das condicións meteorolóxicas.

12 de setembro de 2014 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.