Máis de 6.000 alumnos da cidade participan na nova edición de ‘Coruña Educa’
O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, presentou esta mañá o programa educativo municipal Coruña Educa 2014/15que elaborou o Concello para os centros da cidade en colaboración con toda a comunidade educativa.
“Traballamos para que cada ano, este programa pioneiro e único en España, se supere creando unha estrutura sólida no marco das actividades complementarias e extraescolares. Neste sentido, volvemos a aumentar o número de prazas ofertadas: 6.154, 175 máis que o curso pasado, para o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria dos centros educativos da cidade”, indicou Mourelo, quen lembrou que os prezos están conxelados desde o curso 2011/12 e explicou a distribución das prazas:
– Programa de Lecer Educativo (POE): mantén a oferta con 1.000 prazas para escolares de Infantil e 1º e 2º de Primaria en 24 centros de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial do termo municipal. A novidade este curso é a incorporación ao programa o Ceip Emilia Pardo Bazán e o Cee Santiago Apóstolo. “Ademais, queremos destacar que este ano, grazas ao convenio subscrito con Axuda en Acción – Fundación Repsol, financiaranse 200 prazas gratuítas, o 20% do total, para os menores procedentes das contornas máis desfavorecidas”, lembrou o concelleiro.
– O programa de inglés oral Listen and Speak para Primaria, orientado a certificar niveis do Marco Común Europeo das Linguas, oferta 360 prazas en 12 centros, para escolares desde 3º a 6º de Primaria.
– O Programa de Linguas Estranxeiras para Secundaria, orientado a certificar niveis do Marco Común Europeo das Linguas, oferta 1.800 prazas para alumnado da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos en 15 centros. Esta oferta de prazas organízase por idiomas: inglés oral (675), francés oral (450), alemán (225), chinés (225), portugués (225).
– Coruña Diversidade oferta 116 prazas distribuídas da seguinte forma: Altas Capacidades (50), Autismo (10), e Trastorno por Déficit de Atención por Hiperactividade -TDAH- (50). “20 destas 110 prazas serán gratuítas grazas ao convenio con Axuda en Acción – Fundación Repsol”, destacou Mourelo.
-Teatro en Inglés por nativos oferta 60 prazas distribuídas en 4 Ceips.
-O Taller de curtametraxes en Galego oferta 120 prazas distribuídas en 8 Ceips.
-Abaco Kids, oferta 95 prazas distribuídas en 5 Ceips.
-Bolsas USA 2014/15 oferta 50 prazas para alumnado de 4º da ESO.
-Bolsas FP – Proxecto Acore oferta 50 prazas para técnicos superiores de FP específica para facer prácticas en Europa.
-Deporte no centro oferta 2.500 prazas en 21 centros educativos desde Infantil a Secundaria.
-“A estas prazas -explicou Mourelo- habería que engadir as xeradas nos Xogos Escolares, que o curso pasado reuniron a máis de 1.000 alumnas e alumnos de Primaria e Secundaria, que este curso presenta como gran novidade a incorporación do tenis e o comezo da competición no mes de novembro, finalizando por tanto a primeiros de maio”.
O concelleiro de Educación tamén lembrou que, ademais destes programas en horario extraescolar, Coruña Educa desenvolve outros en horario complementario como:
-Educa Saúde, no que participaron até a data 10.575 escolares e 3.195 familias.
-Os talleres do Coruña Comunica, coa participación de case 3.000 alumnos.
-As visitas e itinerarios de Coruña de Aventura, así como outras accións educativas como o Certame de Teatro escolar ou as Xornadas de Orientación.
Ademais da incorporación de dous novos centros e do convenio con Axuda en Acción – Fundación Repsol que financia 220 prazas gratuítas para o POE e Coruña Diversidade, Francisco Mourelo trasladou á comunidade educativa as principais novidades que incorpora o programa este ano:
– “Nesta edición, abrimos un novo programa: Coruña Matemática, que levará o nome de Memorial María Wonenburger, unha homenaxe que a comunidade educativa quere render á insigne matemática coruñesa e que foi posible grazas á amabilidade da súa familia”, destacou Mourelo, quen indicou que a nova iniciativa contará coas actividades Rebumbio Matemático e Feira Matemática, organizados por AGAPEMA e, como novidade, con Ábaco Kids, para o alumnado de Primaria, que se iniciará en cinco centros de Infantil e Primaria.
– As Bolsas Fp – Proxecto Acore levarán 50 titulados de grao medio de FP a facer prácticas da súa especialidade a empresas europeas durante 9 meses.
– Coruña de Aventura renóvase profundamente incorporando 9 dos seus itinerarios ao proxecto Smart City.
– O plan de autoprotección, prevención e seguridade esténdese a todas as etapas educativas incorporando como novidade ás súas actividades, os primeiros auxilios para profesores e alumnos.
– Educa Saúde continúa nas escolas infantís e centros de Infantil e Primaria, ampliando o seu ámbito de actuación aos centros de Secundaria e incorporando novos contidos como a adicción ás redes sociais ou os trastornos alimentarios.
– Os mozos do taller de Altas Capacidades participarán na XVI edición do programa Ciencia en Acción que se celebrará na Coruña en outubro de 2015.
“Falamos dunha oferta importantísima de actividades complementarias e extraescolares orientada á formación, entretemento e prevención no ámbito da saúde física e mental dos nosos mozos, así como na axuda a conciliar a vida familiar e laboral”, explicou Mourelo.
O concelleiro tamén trasladou que no curso 2013/14, os programas e accións educativas do Coruña Educa recibiron 53.467 inscricións e unha valoración media dos participantes de 8.56 sobre 10.
“Esta cifra supón un reto e, sobre todo, unha enorme responsabilidade social xa que para nós significa confianza, necesidade e compromiso co noso programa. En consecuencia temos que seguir traballando e analizándoo para seguir mellorando. Así nolo esixen as demandas e intereses dos nosos mozos, as súas familias e a nosa comunidade educativa; e así nolo esiximos nós mesmos”, explicou o concelleiro.
Á presentación asistiron 100 representantes entre asociacións de nais e pais e as súas federacións provinciais, directoras e directores dos centros educativos da cidade, persoal docente, membros do Consello Escolar Municipal, representantes municipais, autoridades, profesionais e entidades públicas e privadas colaboradoras nas diferentes iniciativas e accións do proxecto educativo municipal Coruña Educa. “Este programa é posible grazas ao traballo en equipo. Porque a educación non é patrimonio exclusivo de ninguén. Porque a educación é unha responsabilidade de toda a comunidade educativa e porque Coruña Educa quere ser un proxecto educativo de cidade feito por todos e para todos”, explicou Francisco Mourelo.
Por último, o concelleiro lembrou que este curso 2014/15 tamén foi importante para a Rede de Escolas Infantís Municipais cun novo regulamento que inclúe, por primeira vez, un paquete de medidas específicas que como prazas gratuítas para as rendas máis baixas, valoración da situación de desocupación dos proxenitores, a garantía de escolarización do menor en situación de emerxencia social, a preferencia absoluta para as familias coruñesas no proceso de admisión ou prazas gratuítas para os irmáns do menor escolarizado.
“Falamos dun antes e un despois. Este curso 183 familias beneficiáronse destas medidas e accederon á Rede grazas ao novo baremo. Destes pequenos, 51 obtiveron unha praza gratuíta, cuxo custo, 140.760 euros, foi asumido polo Concello”, destacou Mourelo e engadiu: “Ademais, este curso escolar contaremos con 177 novas prazas dun total de 827 grazas ás aperturas das escolas infantís Carmen Cervigón e a escola do Agra do Orzán que abrirá nos próximos meses. Con elas, o Concello incrementa nun 30% o número de prazas dispoñibles en 2011. Ademais o próximo curso contaremos con 82 prazas máis da nova escola da Sardiñeira; pasando en catro anos de 640 a 909 prazas, e de 7 a 10 escolas”.











