Máis de 300 cabalos participarán na XXXII Festa do Cabalo de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónCalendario
A-
A+

A XXXII Festa do Cabalo de Brión volve estar marcada un ano máis pola climatoloxía. Se en 2013 as fortes choivas motivaron a suspensión da celebración, este ano as previsións meteorolóxicas son moito máis optimistas. “En principio semella que non vai chover, polo que contamos coa participación duns trescentos cabalos de toda Galicia e calculamos que neses dous días poden pasar polo Monte Rañalonga unhas 4.000 persoas”, explica Manuel Fernández, un dos máximos responsables da Asociación Festa do Cabalo de Brión, entidade organizadora da festa en colaboración co Concello de Brión e a Deputación Provincial da Coruña.

Fernández recoñece que “nunha festa ao aire libre como é a Festa do Cabalo, a climatoloxía é moi importante pois non só determina o número de persoas que se achegarán ata o Monte Rañalonga, senón que tamén inflúe sobre os participantes”. Entre os participantes están confirmados xinetes duns quince clubs de toda Galicia, aínda que con participación especial de clubs das comarcas de Santiago e do Barbanza, que se repartirán uns 3.600 euros en premios.

Programa da festa

A XXXII Festa do Cabalo de Brión abrirá as súas portas este sábado 20 de setembro, ás 178:00 horas, co concurso morfolóxico, ao que seguirá a tradicional carreira de burros e unha exhibición de doma que porá o punto e final á xornada. Para o domingo 21 de setembro queda o groso das actividades. Ás 10:00 horas, a festa iniciarase cunha ruta cabalar polo monte Rañalonga, seguindo o leito do río Tambre. As 10:30 horas terá lugar a primeira parte do concurso de salto, coas probas infantís, 0,80, 100 e 200. Ás 12:0’0 horas comezará o concurso de arrastre, que dará paso ao xantar.

Todos os que desexen xantar en Rañalonga poderán acceder como en edicións anteriores a unha polbeira privada. Ás 17:00 horas retomaranse as competicións cunha Xincana, a segunda parte do concurso de salto (proba 6 barras e salto de potencia), para finalizar cunha rapa das bestas.

Accesos

Os accesos á XXXII Festa do Cabalo de Brión estarán convintemente sinalizados e os asistentes disporán de varias leiras para aparcar, de xeito totalmente gratuíto. Ademais, membros de Protección Civil e da Policía Local de Brión encargaranse da seguridade viaria na zona. Para acceder ao recinto da festa, o camiño máis directo é utilizar a CP-1301, á que se pode acceder facilmente tanto dende a antiga estrada de Noia como dende a Autovía Santiago-Brión.

18 de setembro de 2014 | 19:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.