Máis de 30.000 persoas gozaron das Festas de Cambre en agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O concelleiro de Festas, Santiago Ríos, fixo un balance positivo das Festas de Santa María que tiveron lugar na segunda quincena de agosto. Ríos destacou a boa acollida que tiveron  as actuacións musicais deste ano, a churrascada popular, as actividades infantís e os torneos deportivos. O edil lembra que todas as actividades foron gratuítas, xa que o obxectivo do concello é organizar unhas festas “aptas para todos os públicos. Así mesmo destacou o éxito de público dos concertos do Combo Dominicano, Sisters in the House, The Cerne, Rock in Cambre, Habaneiras, Paris de Noia, Banda Tributo Brothers in Band e Orquestra Fania entre outros, aos que asistiron en total preto de 20.000 persoas entre todos os espectáculos que se desenvolveron con normalidade e sen incidencias. Así mesmo, a concellaría calcula que unhas 30.000 persoas gozaron en Cambre dos eventos musicais, deportivos e asociativos.

Ríos quixo agradecer á Policía Local, Garda Civil e Voluntarios de Protección Civil o bo resultado das Festas de Santa Maria 2014, e asegurou que “non sería posible sen os traballadores municipais dos diferentes departamentos, as asociacións de veciños, os clubs deportivos, as empresas colaboradoras e, especialmente, os voluntarios de Protección Civil“. O balance neste sentido arroxa unicamente dúas intoxicacións etílicas durante o rock in Cambre.

Así mesmo, o balance económico foi moi positivo, segundo Ríos, e é que as arcas municipais han recadado máis de 27.000 euros en concepto de camisetas, racións de churrasco, poxa do bochinche e patrocinadores.

3 de setembro de 2014 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.