Máis de 1.300 mulleres participarán nos obradoiros de igualdade de Ferrol
A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, informou esta mañá do número de mulleres inscritas na nova tempada de obradoiros que darán comezo o vindeiro mes de outubro, e que se prolongarán ata maio de 2015. Un total de 1.384 mulleres participarán nestas actividades, que terán como sede diferentes instalacións municipais e en diferentes barrios, co obxectivo de avanzar na descentralización destes cursos. O número de inscricións viuse de novo incrementado notablemente, xa que no curso pasado foron 1.065 as mulleres participantes nestes obradoiros.
A edil de Igualdade explicou que a programación está “feita á carta en base ás preferencias e suxestións das mulleres da cidade”. Así, a relación de usuarias e actividades que se impartirán nesta tempada son: Memoria (102 mulleres), Fotografía (85), Informática de iniciación (125), Informática de repaso e perfeccionamento (296), Pilates (248), Pilates para maiores de 60 anos (79), Ximnasia de mantemento (45) e Zumba (404). Así mesmo, os lugares onde se levarán a cabo estes obradoiros son:
– Memoria, fotografía e pilates para maiores de 60 anos: Casa da Muller
– Informática de iniciación, e de repaso e perfeccionamento: Biblioteca Municipal da Praza de España
– Pilates, ximnasia de mantemento e zumba: pavillóns de Recimil, Esteiro, Juan de Lángara, Ensanche A, e este ano tamén no de Caranza.
Así mesmo, a concelleira Verónica Casal sinalou que o prazo de inscrición estará aberto ao longo de todo o curso “xa que se algunha das mulleres inscritas se da de baixa se poderán ir cubrindo as prazas dispoñibles”. As listaxes coas quendas e horarios definitivos será publicados o vindeiro 22 de setembro na Casa da Muller.
Entidades de mulleres
Ademais, a edil de Igualdade informou sobre os obradoiros que se desenvolverán nos locais das Asociacións de Mulleres do municipio e que estarán dirixidos principalmente as súas socias. Así, a relación de entidades de mulleres e os talleres escollidos polas mesmas son os seguintes:
– Asociación de Viúvas: Memoria.
– Arume: Zumba, informática e fotografía.
– Asociación de mulleres de Doniños:Pilates.
– Asociación de mulleres de Caranza: Memoria e pilates.
– Asociación de mulleres de Santa Mariña: Pilates, zumba e informática.
– Asociación de mulleres de Esmelle: Pilates.
– Asociación de mulleres de El Pilar: Zumba e pilates.











