Luis Zahera leva a Monforte a comedia de terror “Lobos de Arga”
Galicia continúa a súa ruta cinéfila con Lobos de Arga no municipio lucense de Monforte de Lemos, o vindeiro xoves 4 de setembro. O noveno pase do Ciclo Gas Natural Fenosa de Cine Itinerante Galicia 2014 será presentado polo actor galego Luis Zahera, que participou nesta comedia de terror que relata unha historia localizada no pequeno pobo de Arga.
Na exitosa serie Mareas vivas, da televisión autonómica, o intérprete encarnou a Petróleo, papel que lle permitiu un maior recoñecemento entre o gran público. Tras este traballo, Zahera participou en máis de vinte títulos, como Los lunes al sol, Alatriste, Celda 211 e Spanish Movie, entre outros. Tamén seguiu desenrolando a súa carreira na pequena pantalla, así como sobre o escenario.
A proxección, aberta ao público e gratuíta, será na Praza de España (Monforte de Lemos), ás 22:00 horas. Dende unha hora antes, o actor estará no lugar da proxección para atender aos medios e aos espectadores. Se as condicións meteorolóxicas fosen adversas, a proxección trasladarase á Casa da Cultura (Praza de España) e realizaranse dous pases (20:30 e 22:30 horas), ambos presentados por Luis Zahera.
Ao día seguinte, Ferrol acollerá a última proxección do ciclo impulsado pola Academia de Cine e Gas Natural Fenosa. Todo es silencio é a película que a actriz Celia Freijeiro presentará na localidade coruñesa.











