publicidade hoxe

Luis Galán presenta as súas obras sobre As Mariñas en Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

O deseñador gráfico natural de Betanzos, Luis Galán, presentará na sala de exposicións do edificio social Toñito Espiñeira, as súas ilustracións vectoriais nas que recompila diferentes estampas dos municipios das Mariñas Coruñesas. A exposición titúlase As Mariñas de nunca xamais.

Esta exposición, organizada polo Consorcio das Mariñas e a Concellería de Cultura do Concello de Carral, abrirá ao público o luns 29 de setembro, cun acto inaugural que terá lugar ás 20:30 h. coa presenza do alcalde José Luis Fernández Mouriño e Luis Galán.

A mostra pretende ser un xogo do autor co espectador a través das súas ilustracións vectoriais. As súas manchas de cores irreais e trazos desenfadados loitan por espertar a curiosidade por currunchos tan máxicos como próximos, e quizais descoñecidos, que esconde cada un dos municipios que forman o Consorcio das Mariñas.

As ilustracións vectoriais que presenta Galán nacen a partir de bosquexos realizados a man alzada e editadas na técnica denominada glicée. O artista utiliza esta técnica para debuxar a man alzada co rato do ordenador por moi estraño que soe isto; aínda que recoñece que, a pesar de pasar moitas horas ante un Mac, non é capaz de realizar a máis sinxela das ilustracións sen un bosquexo previo a lapis, bolígrafo ou rotulador.

A exposición permañecerá ata o 12 de outubro en horario de luns a venres de 9:00 a 14:30 h.

26 de setembro de 2014 | 11:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.