publicidade hoxe

Lousame convoca os seus Obradoiros de Memoria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Lousame convoca por duodécimo ano consecutivo os seus Obradoiros da Memoria, unha actividade gratuíta dirixida a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores do municipio a través de actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe. Unha iniciativa incluída dentro do Programa de Dinamización de Persoas Maiores, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña.

Baixo o lema “Activa-mente!”, os Obradoiros da Memoria de Lousame están abertos a todos os veciños e veciñas maiores de 60 anos. Unhas actividades que se levan a cabo todas as semanas entre outubro e xuño nos distintos locais sociais das parroquias e que son impartidos por persoal dos Servizos Sociais do Concello de Lousame. A inscrición é totalmente de balde e está aberta durante todo o curso, polo que só é preciso poñerse en contacto cos Servizos Sociais de Lousame ou chamar ao 981 820 494.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que o obxectivo destes Obradoiros da Memoria é “mellorar a calidade de vida dos nosos maiores que, a través de exercitar a súa memoria, poden previr ou retardar a aparición do deterioro cognitivo. Ademais, con estas actividades promóvese a xuntanza veciñal para lembrar o que xa saben e seguir aprendendo cousas novas”. Así, mediante dinámicas e exercicios adaptados ao nivel do grupo e de cada participante, os maiores exercitan capacidades como a memoria, a atención, a linguaxe ou o cálculo.

Os Obradoiros da Memoria impartiranse a partir da próxima semana nos distintos locais sociais de Lousame, salvo en Merelle, onde terá lugar no local veciñal. As sesións de presentación terán lugar o martes 30 de setembro en Vilacoba (10:00 horas), Merelle (10:30 horas) e Lesende (11:45 horas); o mércores 1 de outubro en Escabia (10:00 horas) e Camboño (10:30 horas); e o venres 3 de outubro en Aldeagrande (10:00 horas) e Cruído (10:00 horas).

24 de setembro de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.