publicidade hoxe

López-Chaves destaca a capacidade de organización do Porto de Vigo na escala do Oasis of the Seas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, fixo balance esta mañá da primeira escala do cruceiro máis grande do mundo no Porto vigués, o Oasis of the Seas, que tivo lugar o pasado sábado.

Segundo asegurou en rolda de prensa, esta escala destaca a “capacidade de organización” da dársena olívica e é froito dun traballo “discreto, constante, serio e sen excesivos fogos de artificio”, polo que mostrou a súa “satisfacción” e “agradecemento” a todo o persoal implicado na mesma.

Así, referiuse aos propios traballadores da Autoridade Portuaria, ao consignatario do buque -Pérez&Cía-, á Xunta de Galicia, á Deputación de Pontevedra, a Turismo Rías Baixas, ao Consorcio da Zona Franca de Vigo e a todas as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Policía Local, Nacional, Autonómica, Portuaria, Garda Civil e Protección Civil, entre outros. Grazas a todos eles “o Porto estivo á altura”, salientou, á vez que agradeceu a “gran acollida” que tivo por parte de todos os vigueses. “A cidade respondeu”, aseverou.

Un acontecemento mediático e social

Segundo lembrou, desde primeira hora da mañá eran moitos os que se achegaban ás inmediacións do Porto para retratar a chegada do Oasis of the Seas a Vigo que, segundo valorou o máximo responsable portuario, converteuse en todo un “acontecemento mediático e social, mesmo superior á Cutty Sark ou a saída da Volvo Ocean Race”.

En canto á repercusión económica desta escala, López-Chaves cifrou en preto de 800.000 euros o desembolso na cidade por parte dos máis de 5.400 cruceristas de 79 nacionalidades diferentes chegados a bordo deste coloso do mar -que compartiu escala xunto ao Celebrity Infinity-, de acordo cun estudo da Universidade de Vigo que mide o impacto da actividade crucerística na cidade. A esta cifra, asegurou, “hai que sumarlle o gasto dos miles de vigueses que se achegaron ao Porto para non perderse detalle da escala”. “Mesmo hai hostaleiros que esgotaron as súas existencias”, subliñou.

Porto de referencia

Sobre a consecución desta escala, o Presidente portuario afirmou que é froito da colaboración coa empresa Pérez&Cía, consignataria do buque, e de anos de traballo. “Había que preparar o Porto e, por fin, demostramos que somos capaces de acoller nas nosas instalacións ao cruceiro máis grande do mundo”. Grazas a esta escala, “convertémonos nun Porto de referencia. Temos capacidade operativa, liña de atracada e calado suficiente e, sobre todo, organización”, destacou.

Respecto da segunda escala no Porto de Vigo do Oasis of the Seas, que terá lugar o próximo 18 de outubro, e desde onde dirá adeus á súa singradura por Europa para pór rumbo ao Caribe, López-Chaves lembrou que “o último que verá será Vigo e as Illas Cíes”, polo que “volveremos dar mostra do que somos capaces de facer” xa que, nunha escala como esta “gana o Porto e gaña a cidade”, salientou. “Queremos que leven un bo recordo”, concluíu.

Todo un éxito

Pola súa banda, o máximo responsable de Pérez&Cía -a empresa consignataria do Oasis of the Seas-, Ramiro Cobo, agradeceu o traballo conxunto das distintas Administracións implicadas nesta escala histórica para os peiraos vigueses e, segundo asegurou, “a propia compañía do buque -en referencia a Royal Caribbean-, comunicounos que a súa escala en Vigo foi todo un éxito. Esperemos que o 18 de outubro sexa igual ou mellor”.

Segundo indicou, a escala do pasado sábado “excedeu todas as nosas expectativas” e “superou o recibimento que tivo en Barcelona e Málaga”, as outras dúas terminais españolas que, xunto con Vigo, compartiron a escala deste xigante do mar no noso país.

Así mesmo, e a preguntas dos xornalistas sobre a posibilidade de repetir no futuro unha escala destas características, Ramiro Cobo afirmou que “non é descartable” xa que a naviera do buque ten “confianza absoluta en nós” e “pasamos todas as súas auditorías de calidade e seguridade”.

29 de setembro de 2014 | 13:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.