Liñares convértese no pazo de todos e un espazo para a cultura

Inauguración do Pazo de Liñares
O Pazo de Liñares inaugurouse onte á noite no comezo das Festas de Lalín, un Pazo que agora é de todos os lalinenses e que funcionará como un contedor cultural multisdisciplinar no ámbito galego que albergará o Centro da Cultura Castrexa, o Museo Galego da Marioneta e o Arquivo Histórico do Deza, entre outras propostas como unha Sala de Joaquín Loriga ou unha Sala para albergar exposicións do Xacobeo.
O acto inaugural comezou coa bendición das instalacións por parte do bispo de Lugo, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco. Logo visualizouse o novo vídeo turístico de Lalín. De seguido Juan Durán Loriga entregou un retrato do aviador Loriga ao alcalde e de seguido comezaron as intervencións.
Primeiro, o alcalde de Lalín, que destacou a colaboración entre administracións, clave para conseguir o resultado actual do Pazo que será un gran contedor cultural albergando o Museo Galego da Marioneta, o Centro da Cultura Castrexa e o Arquivo Histórico de Deza entre outros. E agradeceu a todas as persoas e institucións que fixeron posible a rehabilitación de Liñares.
De segundo falou o presidente da Deputación, Rafael Louzán; logo o director xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento, Juan Van-Halen, e pechou o acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo que dixo que a rehabilitación e posta en valor de Liñares é froito dun proxecto feito con determinación e entusiasmo.
Tras as intervencións, o presidente da Xunta asinou no libro de honras do Pazo de Liñares e a continuación tivo lugar un percorrido polas instalacións do Pazo que estivo conducido polo redactor do proxecto e director de obra, Javier Bugallo.
Despois da inauguración, tivo lugar un espectáculo de Carlos Blanco e Luis Davila cunha gran presenza de público para rematar cun concerto do gaiteiro Xosé Manuel Budiño











