publicidade hoxe

Licítanse por 220.000 euros as obras para a mellora da rúa Jacinto Santiago en Vilardevós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilardevós
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe, no Diario Oficial de Galicia, por 223.000 euros as obras de mellora na rúa Jacinto Santiago, un eixo de comunicación fundamental no Concello de Vilardevós.

Esta actuación execútase no marco dun convenio asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e este concello ourensáns que conta cun investimento de preto de 256.000 euros, dos que a Xunta de Galicia achega practicamente a totalidade, 235.398 euros, é dicir, o 92%, e o importe restante será aportado polo concello.

O obxecto destas actuacións é o arranxo da rúa Jacinto Santiago, a principal conexión entre as estradas Verín – Soutochao e Vilardevós -Riós, situándose no casco histórico de Vilardevós. Ademais esta rúa, cuxo deseño ten unha antigüidade superior aos 100 anos, posúe un marcado carácter comercial, fundamentalmente de servizos de hostalería e comercio.

Cómpre sinalar que aos pavimentos actuais, realizados en distintas épocas, fáltanlles as definicións nas pendentes lonxitudinais e transversais, que permitan o drenaxe superficial, ocasionando acumulacións de augas en días chuviosos. A actuación que se pretende, comprende as obras necesarias de demolición das unidades existentes en mal estado de conservación e a súa posterior construción.

A rúa está integrada no casco histórico da vila, polo que se propón a utilización de pavimentos de granito, similares aos existentes no contorno. Por outra parte, debido á irregular distancia entre as dúas frontes de edificación, proxéctanse unhas beirarrúas de anchura variable, segundo o permitan as fachadas das edificacións.

Para o deseño dos pavimentos de granito, primeiro porase un bordo de granito que defina xeometricamente a zona peonil e a pendente lonxitudinal da rúa, e proxéctase así mesmo a construción de sumidoiros, en aqueles puntos baixos que se definan coas novas pendentes.

Obrigas

A Consellería de Medio Ambiente deberá contratar, executar e dirixir as obras, así como realizar a achega económica xa citada anteriormente.

Ao Concello de Vilardevós corresponderalle poñer os terreos a disposición, redactar o documento técnico das obras, explotar e conservar as obras executadas e aportar o importe económico que lle corresponde.

12 de setembro de 2014 | 13:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.