Lete Lasa presenta a Volta a Galicia que percorrerá 27 localidades

Lete Lasa durante a presentación
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da XIII Volta a Galicia que terá lugar os días 19, 20 e 21 de setembro e que percorrerá vinte e sete localidades das provincias da Coruña e Pontevedra.
Lete Lasa destacou os atractivos de Galicia para a práctica do ciclismo como deporte e como espectáculo, o que está a constatarse nestes días coa celebración das últimas cinco etapas de La Vuelta Ciclista a España 2014 naComunidade, un evento de referencia que percorre terras galegas por cuarto ano consecutivo e que remata o vindeiro domingo, tan só cinco días antes de que comece a proba autonómica.
“Ás magníficas paisaxes e percorridos que Galicia ofrece ao ciclismo, hai que engadir a crecente afección cidadá a este deporte, a vitalidade dos nosos clubs e o apoio das institucións, incluído o traballo das federaciónsespañola e galega”, asegurou Lete Lasa, engadindo que unha nova mostra disto e a proba presentada hoxe, a Volta a Galicia 2014, que este ano acada a súa décimo terceira edición baixo a organización da Federación Galega de Ciclismo.
O secretario xeral destacou que nos últimos tres anos hai un crecemento sostido no número de equipos participantes na Volta a Galicia -quince no 2012, dezasete no 2013 e dezanove na presente edición-, o que tamén sucede no caso da representación galega -con cinco, seis e sete equipos respectivamente-, un crecemento que aínda é máis notable no caso dos deportistas: 22 e 23 ciclistas galegos competiron nas dúas últimas edicións fronte aos 40, case o dobre, que o farán este ano.
“Son datos que nos fan mirar o futuro do ciclismo galego con optimismo”, sinalou Lete Lasa, que lembrou que a nivel estatal esta modalidade ocupa o sexto posto en número de licenzas e o quinto no que a clubs se refire, ao que cómpre engadir que o primeiro posto no ranking nacional de estrada elite e sub 23 ocúpao un equipo galego –o C.C.Supermercados Froiz- e que, na clasificación actual por federacións, a galega é a cuarta no ranking estrada elite, e terceira no ranking estrada sub 23.
O titular de Deportes da Xunta rematou a súa intervención felicitando “a toda Galicia por ser un inmellorable territorio para a práctica deste deporte que crece en espectáculo e en adhesión social”, así como aos organizadores da Volta a Galicia 2014, e ás empresas e institucións que o apoian, “porque a promoción do deporte e, neste caso, do ciclismo, tanto a nivel profesional como amateur, é unha das mellores apostas que podemos facer pola calidade de vida e o benestar da sociedade da que, en definitiva, todos formamos parte, e entre todos construímos”.
Volta Ciclista a Galicia 2014
Como en anteriores edicións, a Volta a Galicia consta de tres etapas, acadando nesta ocasión un percorrido total de 369,7 quilómetros. Un total de dezanove equipos competirán nos diversos tramos, comezando pola cronoescalada do Monte Pedroso en Santiago o venres ás 10 da mañá e rematando o domingo 21 na meta final de Sanxenxo, na praia de Silgar.
As localidades que visitará a Volta son, na primeira etapa, Santiago de Compostela, Teo, A Estrada e Forcarei; na segunda etapa, A Coruña, Arteixo, Laracha, Carballo, Coristanco, Santa Comba, Cerceda, Carral, Abegondo, Betanzos, Cambre e Oleiros, e, na terceira e última etapa, Sanxenxo, Meaño, A Estrada, Cuntis, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Ribadumia, Meis, Barro, Portas e Moraña.
Os sete equipos galegos participantes son:
C. C. Padronés-Aluminios Cortizo
C. C.Spol. O Porriño
Supermercados Froiz. Poio
C. C. Vigués-Autronic. Vigo
C. C. Cambre- Caeiro. A Coruña
C. C. Rías Baixas. Nigrán
RacingCycling Lola Lola Gomistar. Redondela











