Josito Porto regresa a Vilagarcía para revivir “As mil vidas de Matías Houseman”
A temporada cultural de outono comeza esta fin de semana en Vilagarcía e farao cunha cita moi especial por dúas circunstancias. Porque será a estrea do Salón García para o xénero do teatro despois da súa rehabilitación, e porque correrá da man dun actor da casa, Josito Porto que o sábado, 4 de outubro interpretará “As mil vidas de Matías Houseman”.
Porto regresa ao escenario no que dou os seus primeiro pasos como actor, o da Casa da Cultura, e faino sendo xa un dos actores galegos máis recoñecidos e cunha ampla e salientable traxectoria profesional. Para o ocasión, o vilagarcián interpretará o papel de Matías Houseman nun monólogo traxicómico dirixido por José Prieto para Teatro do Adro. Josito porá en escena a
a curiosa e polifacética vida dun home gris que racha coa súa monótona existencia para vivir todo o que soñou vivir.
Matías Houseman chega a ser estrela da música, futbolista de primeira división, monologuista cómico, mafioso, líder espiritual e incluso presidente do goberno, entre outras moitas actividades e profesións polas que vai pasando durante a duración do espectáculo. Matías Houseman quixo vivir mil vidas, pero esqueceuse de vivir a máis importante… a súa.
As entradas para a función custan 6 euros e pódense adquirir de forma anticipada a través da web www.servinova.com ou da billeteira telefónica 902504500. Tamén se poderán comprar o mesmo día da actuación Salón García a partir das 19:00 horas.











